Noticias

A Garda Civil promove a seguridade na natureza co campamento Águilas Verdes

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou esta mañá o labor divulgativo da Garda Civil durante unha exhibición dos equipos GREIM e SEPRONA no IV Campamento de Espeleoloxía Infantil Águilas Verdes.

Esta actividade celebrouse no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá.

A Garda Civil promove a seguridade na natureza co campamento Águilas Verdes

A actividade permitiu a nenos e nenas coñecer de preto o traballo do Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM) e do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), ambos con base en Trives, que amosaron as súas técnicas e recursos para garantir a seguridade no medio natural.

A Garda Civil promove a seguridade na natureza co campamento Águilas Verdes
Foto: Subdelegación do Goberno

Durante a súa intervención, Eladio Santos destacou que “gozar da natureza tamén require coidala, así como coñecer os seus riscos e saber como actuar”. Subliñou que o labor de prevención e formación da Garda Civil “salva vidas e xera confianza entre quen habita ou visita as zonas montañosas”.

O subdelegado tamén puxo en valor a espeleoloxía como práctica que “fomenta o compañeirismo e a curiosidade científica, ao tempo que achega aos máis novos ao patrimonio natural de Galicia”. Engadiu que campamentos coma este “espertan vocacións e transmiten valores esenciais para o respecto polo medio ambiente”.

A exhibición enmárcase no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, impulsado polo Ministerio do Interior, que Santos cualificou como “ferramenta imprescindible para chegar á mocidade desde o exemplo e a proximidade”.

Por último, o subdelegado felicitou tanto ao grupo Águilas Verdes como aos pequenos participantes pola súa implicación e por contribuír á promoción da Serra da Enciña da Lastra, “un tesouro de biodiversidade que debemos protexer”.

Botón volver arriba