Feteagal trae a Ourense en Semana Santa as I Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego que constarán de unha ampla oferta formativa, cultural e lúdica.
A FEderación TEatral Afeccionada de GALicia (FETEAGAL) presenta unha atractiva proposta para a Semana Santa de 2022.
Feteagal trae a Ourense as Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego
As I Xornadas Formativas do Teatro Amador Galego reunirán en Ourense a un total de 50 alumnos que recibirán formación ó mesmo tempo que descobren a cultura, a gastronomía e o ocio da provincia.
Desde o 14 ó 17 de Abril, os participantes participarán dun programa formativo con profesionais de primeiro nivel na escena Galega. Un primeiro encontro con Mariana Carballal servirá para iniciar as xornadas. A partir de aí, Miguel Canalejo, Alfonso Becerra e Rosa Puga Dávila constituirán o equipo formativo.
A oferta cultural destas xornadas contén tamén a visita a lugares destacados da provincia. Os tesouros patrimoniais da cidade de Ourense, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Vilamarín e a Ribeira Sacra serán os destinos a visitar polos inscritos nas xornadas.
A oferta gastronómica estará presente nas comidas que o grupo de participantes realizará. Algunha destas ceas contará cun espectáculo animado.
Entre as entidades que colaboran con Feteagal para a realización destas xornadas destacan a Deputación Provincial de Ourense e o Liceo de Ourense.
O prazo de inscrición péchase o domingo, 3 de abril. Os interesados terán que cubrir o seguinte formulario de inscrición.