O Teatro Afeccionado Galego únese en FETEAGAL
O 2021 arrinca con forza e con unha gran noticia para o Teatro Afeccionado galego. Acaba de nacer a Federación Teatral Afeccionada de Galicia -FETEAGAL, que promete unir os esforzos e vontades dos grupos de teatro afeccionado da comunidade, para, deste xeito medrar xuntos e defender o teatro amador.
Feteagal pretende ser un punto de encontro para todos os grupos afeccionados de Galicia, para alzar a voz e darlle visibilidade a unha modalidade artística que demanda a poboación e que agora bota en falta por mor da pandemia.
Esta nova Federación quere potenciar o teatro afeccionado, darlles espazo a todos os grupos, axudar a difundir o seu traballo, realizar festivais, certames, simposios, intercambios… Vantaxes das que os asociados poden gozar xa, ao estar integrada na Confederación Escenamateur e que conta con estas e máis oportunidades para os grupos galegos que se queiran Federar.
Presentación no Liceo de Ourense
Ademais, o próximo sábado día 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, terá lugar a presentación oficial e unha rolda de prensa no Liceo de Ourense ás 17:00h. Dende a Federación convidan a todos os grupos de teatro afeccionado a asistir á pequena gala para que coñezan mellor á Federación e aos seus socios e ser testemuñas de primeira man dun acto que promete ser histórico para o teatro afeccionado galego.
Rógase que se confirme asistencia no seguinte correo: feteagal@gmail.com pois haberá aforo limitado.
FeteaGal é a túa Federación, vas deixar escapar a oportunidade?