Noticias

Paula Carballeira recibe o Premio de Honra da MIT de Ribadavia

A 42ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) entregou este venres o seu Premio de Honra a Paula Carballeira, nun dos momentos máis emotivos desta edición.

O galardón recoñece a súa ampla traxectoria como actriz, dramaturga, directora e narradora oral, así como a súa contribución á escena galega contemporánea.

Paula Carballeira recibe o Premio de Honra da MIT de Ribadavia

O acto reuniu representantes do sector teatral e público para homenaxear unha creadora que concibe o teatro como un espazo de memoria, conciencia e compromiso cívico.

Paula Carballeira recibe o Premio de Honra da MIT de Ribadavia
Foto: MIT.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, expresou a súa satisfacción por poder recoñecer a carreira da homenaxeada e “gozar de todo o que lle ofrece ao mundo desde as distintas facetas da súa labor profesional”.

Desde a dirección da MIT, Sabela Mendoza destacou a relevancia de Carballeira na narración oral contemporánea. Salientou a súa capacidade para conectar “a tradición oral galega coa creación actual”. Tamén puxo en valor a súa dimensión como ensaísta e docente, así como a súa proxección internacional.

Gena Baamonde, pola súa banda, subliñou o papel da autora na renovación do teatro galego contemporáneo. Segundo explicou, a súa obra caracterízase pola precisión dos diálogos, a humanidade dos personaxes e a capacidade para abordar cuestións éticas sen renunciar “á beleza, ao humor nin á poesía”.

Ao recoller o premio, Paula Carballeira agradeceu o recoñecemento da Mostra, que definiu como “un referente e un acto de amor”. A dramaturga tamén lembrou as persoas e os espazos que marcaron a súa formación profesional.

Neste sentido, referiuse aos seus inicios nunha escola municipal de teatro, aos grupos universitarios e á aparición das salas alternativas. “Aí formámonos como profesionais pero tamén como espectadoras, e iso é o que pasa en Ribadavia, tanto para a xente que se dedica ao teatro como para a que vén ver as obras”, afirmou.

Botón volver arriba