A dramaturga e narradora oral Paula Carballeira recibirá mañá, venres 24 de xullo, o Premio de Honra ‘Roberto Vidal Bolaño’ da 42ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.
No mesmo acto, Alberto Ramos recollerá o 21º Premio Abrente de Textos Teatrais pola súa obra Por unanimidade.
Paula Carballeira recibirá o Premio de Honra da MIT
A entrega terá lugar ás 12:30 h no Salón de Plenos do Concello de Ribadavia. Este acto contará coa presenza das directoras da MIT, Sabela Mendoza e Gena Baamonde; do alcalde da vila, César Fernández; e dos dous galardoados.
A MIT recoñece con este premio a traxectoria artística de Paula Carballeira e a súa contribución á escena galega. Escritora, actriz, directora teatral, dramaturga e narradora oral, desenvolve profesionalmente a súa actividade nas artes escénicas desde 1994.

Autora de numerosos libros de teatro, narrativa, poesía e ensaio, as súas obras foron traducidas a varios idiomas. Ademais, forma parte da compañía Berrobambán desde 1996. Ao longo da súa carreira recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e o Premio Follas Novas de Teatro en 2023 e 2024. Tamén recibiu o Laudamuco de Textos Teatrais en 2022 e o Premio María Casares 2025 na categoría de Adaptación de Texto Dramático.
Alberto Ramos gaña o Premio Abrente
Pola súa banda, o xurado do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais, integrado por Lucía Aldao, Carlos Álvarez-Ossorio e María Ángeles Iglesias Lopardo, acordou outorgar por maioría o galardón a Alberto Ramos pola súa proposta Por unanimidade.
O xurado destacou o seu carácter humorístico, os personaxes ben construídos e un ton irónico intelixente. Tamén destacou o ritmo áxil e a capacidade para articular diálogos a seis voces. A obra introduce cuestións de actualidade e unha crítica política do contexto cultural, utilizando o humor para reflexionar sobre a natureza dos premios e as dificultades para alcanzar acordos desde posicións diversas.
Desde a súa creación, en 2006, o Premio Abrente converteuse nun apoio para dramaturgas e dramaturgos de diferentes xeracións e traxectorias. Este premio recoñeceu tanto valores emerxentes como figuras consolidadas.

