Conoce Ourense

O Liceo de Ourense. Pasado, presente e futuro.

O Liceo de Ourense. Pasado, presente e futuro dunha entidade que forma parte da vida social e cultural de Ourense. Testemuña da transformación que a cidade de Ourense experimentou nos últimos 170 anos.

O Liceo de Ourense

O Liceo de Ourense é desde a súa creación, un lugar de encontro para a sociedade ourensá. Convertido nun axente dinamizador da vida social e cultural da cidade, o Liceo de Ourense é un canal de transmisión da riqueza musical, artística e intelectual da provincia de Ourense. Os seus socios gozan dun lugar privilexiado onde realizar as súas actividades de lecer mentres son protagonistas da evolución da entidade ó longo dos anos.

O Liceo de Ourense. Pasado, presente e futuro
O Liceo de Ourense. Pasado, presente e futuro

Historia do Liceo de Ourense

         Un 3 de marzo de 1850, un grupo entusiasta de 163 ourensáns deciden constituír unha sociedade cultural e de recreo, nace “Recreo de Artesanos de Orense”. Celebran a asemblea de constitución na que sería a súa primeira sede na Rúa da Obra, 14 (hoxe rúa de Lepanto).

         Como primeiro acordo, crease a “Academia de Música”, os poucos días a “Sección de Declamación”, “Sección de Debuxo natural e lineal”, a “Sección de Poesía e Literatura”. Estas primeiras decisións marcarán o futuro da Sociedade ate os nosos días, unha impronta que forma parte do ser e o sentir liceísta.

         Despois da sede inicial, os poucos días ocuparían o edificio coñecido como “Casa Gullón” na rúa de Monterrey (10 dese mesmo mes de marzo). O 24 de setembro de 1852, o Recreo toma en arrendamento unha casa situada na prazuela do Carbón por 320 reais, prazuela que chegou a levar o nome de “prazuela de Recreo”.  A primeiros de xaneiro de 1870 o Liceo aluga por 500 reais mensuais o edificio número 5 da Rúa do Instituto (hoxe Valentín Lamas Carvajal), e sede definitiva da Sociedade. O 2 de febreiro de 1957 os Socios do Liceo compran o edificio a súa propietaria Dna. María Durán Villanueva por tres millóns de pesetas.

O Liceo de Ourense. Pasado, presente e futuro
O Liceo de Ourense. Pasado, presente e futuro

         Dende aquel Recreo de Artesanos, pasa a denominarse Liceo Recreo Orensano de Artesanos. A mediados do século XX desaparece «de Artesanos», para xa coa celebración do 150 aniversario no ano 2000 pasa a denominarse El Liceo de Ourense.

Palacio de los Oca Sarmiento, século XVI.

         O edificio foi construído entre 1520 e 1583, no que se fixeron os remates da súa fachada. Tanto esta como as primeiras plantas do patio de columnas e a escaleira, mantéñense como se construíron. 

        Foron os seus promotores para facer súa morada D. Álvaro de Oca y Dª María Sarmiento, nun Ourense de 1800 habitantes.  Iniciouse baixo o reinado de Juana de Castilla e rematouse con Felipe ll. A magnífica pedra extraída nos arredores da urbe e a sensibilidade dos seus propietarios, incluído o propio Liceo, transmitiron ata á actualidade o edificio civil do Renacemento mellor conservado da cidade.

         A fachada, de gran beleza, contén os brasóns da familia fundadora arredor do balcón central, que se repiten no patio de columnas. É digno de admirar o conxunto pétreo de columnas, antepeitos e adornos nun traballo de cantería de gran calidade. O Edificio foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2002.

As actividades do Liceo

         Como xa se mencionou, a creación das distintas academias ou seccións no marco da Sociedade, algo que se repetiu coa refundacións das mesmas no inicio do século XXI, como a Sección de Literatura, de Arte e Historia, de Música ou de Natureza e Sendeirismo, marcou e determinou o desenvolvemento das actividades e os actos do Liceo de Ourense.

         Esa forma de entender a cultura propiciou que polo Liceo pasara toda a intelectualidade do século XIX, como Curros, Otero Pedrayo, Risco, Marcelo Macías ou Emilia Pardo Bazán, moitos deles socios do Liceo. Xa más recentemente, figuras como Carlos Casares ou Marcos Varcárcel, Socios de Honra do Liceo ámbolos dous. Da man destes dous personaxes, pasaron pola tribuna do Liceo autores españois e galegos de recoñecido prestixio nacional e internacional, como Fernando Delgado, Juan Cruz, Almudena Grandes, Manuel Vicent, Juanjo Millás, Caballero Bonald, Haro Teglen, Manolo Rivas, Suso de Toro, e un longo etc.

         Claro que non só a literatura forma parte do acontecer cultural do Liceo, a música, por exemplo, foi e é un piar fundamental da mesma. D. Antonio Iglesias, tamén Socio de Honra do Liceo, crítico musical e fundador de Música en Compostela, achegou as figuras máis importantes ó escenario do Liceo por onde pasaron Isaac Albéniz e o mestre Rodrigo. Xa máis contemporáneos e en distintos xéneros, Rosa Torres Pardo, Patrica Kraus ou Rebeca Jiménez. No liceo deron os seus primeiros concertos Cristina Pato, Carlos Núñez ou Emilio Rúa.

         O “Liceo de Ourense” é  unha entidade cultural e de ocio, con 171 anos de antigüidade, que acolle a distintas asociacións que non teñen un lugar axeitado para desenrolar as súas actividades (Coral, Filatelia, Xadrez, etc.). No Liceo celébranse unha media anual de 350 actos culturais ou conmemorativos da sociedade provincial, sen ningún tipo de custe para os organizadores. Anualmente pasan polas instalacións do Liceo de Ourense máis de 50.000 persoas.

Concerto de Aninovo

         Todo este espírito e acervo cultural forma e seguirá formando parte do acontecer diario do Liceo, e marcará o futuro da nosa entidade, facéndoa un dos piares da actividade cultural da Cidade e Provincia de Ourense.

Que significa Ser SOCIO do LICEO.

         Ser SOCIO do LICEO permite acceder non só a todas as actividades que acabamos de expoñer e que convoca o Liceo. Actividades públicas, que son moitas as de carácter cultural, e as actividades privadas e exclusivas para os Socios do Liceo, como as Festas de Fin de Año, Festas de Verán, etc.

         Tamén para actividades como os Concertos de Jazz, Blues, Folk, Cantautor, etc. cunha bonificación do 50 % na entrada ou a gratuidade en moitos casos só para os Socios.

         Ser SOCIO do LICEO, permite EN EXCLUSIVIDADE utilizar os salóns da Sociedade, para xuntanzas, xogos, a utilización da Biblioteca, ou os Salóns para festas privadas como aniversarios, etc. Tamén permite contratar de maneira exclusiva o servizo de Cafetería para estas celebracións con prezos moderadamente máis baixos. Ser SOCIO ten un desconto no Restaurante ÁGAPE LICEO do 10% na súa conta.

         Ser SOCIO do LICEO é ser PROPIETARIO DUN PAZO DO SÉCULO XVI.

         A COTA do Liceo é mensual, de carácter familiar, por un importe de 20 euros, durante 6 meses que dura unha CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE SOCIOS, logo a cota é de 41 euros o mes, sempre para TODA A FAMILIA. Non hai máis condición para SER SOCIO.

FUTURO do LICEO de OURENSE.

         O futuro do Liceo de Ourense está “nas mans” dos seus Socios. O Liceo é unha entidade privada, polo tanto, o seu futuro pasa por ter uns orzamentos propios que lle permitan garantir a súa actividade e a súa liberdade que soamente a dá a independencia económica. Debe ter axudas en forma de subvencións e achegas de institucións tanto públicas como privadas, pero tamén e fundamental que teña una masa social o suficientemente ampla para que manteña a súa capacidade orzamentaria.

         Para todo isto, é imprescindible que a sociedade en xeral, os cidadáns de Ourense, apoien a esta Entidade e o único xeito e dándose de alta como socios. O Liceo de Ourense existirá mentres teña socios, e iso depende de todos.

Onde está o Liceo de Ourense

O Liceo de Ourense está na rúa Valentín Lamas Carvajal, 5, da cidade de Ourense

Botón volver arriba