Achégase unha fin de semana cultural en Vilariño de Conso con dúas propostas que terán lugar o sábado e o domingo pola tarde.
Fin de semana cultural en Vilariño de Conso
Literatura e música dan contido a dúas xornadas culturais que contarán coa participación de varios grupos de música e a presentación do libro «Os contos do avó» do escritor Justo Calviño.
Presentación do libro Os contos do avó
O sábado, 15 de outubro, o Bar Foliada acolle a presentación dunha obra literaria con importantes referencias ó municipio. Os contos do avó é un libro do escritor Justo Calviño no que se recollen lendas, persoeiros, localizacións e seres míticos da provincia de Ourense.
Varios contos do libro teñen ó Concello de Vilariño de Conso como protagonista. É por este motivo que a presentación do libro cobra unha maior relevancia. Tódolos veciños que desexen coñecer un pouco máis o libro teñen unha cita ás 20:30h. O escritor Justo Calviño falará sobre o seu libro nun acto que contará con acompañamento musical.
Festival da Música Popular e Tradicional
Na xornada do domingo, nove agrupacións musicais formarán parte dun evento onde soará música popular e tradicional a partir das 16:30h. Si o tempo o permite, o festival terá lugar na Praza de Vilariño de Conso.
Seis dos grupos participantes forman parte da Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia, entidade organizadora do evento xunto ó Concello de Vilariño de Conso. Un grupo de guitarras «Cordas Bravas», a Banda de Música e Cultura de Galicia, as cantareiras «Zoadeira», o grupo infantil de música tradicional «Cantagalos», o grupo de cantos de taberna «Cuncas do Son» e o grupo de gaitas e acordeóns «O son do vento» chegan dende Ourense para participar neste festival.
O cartel de participantes complétase con agrupacións da comarca. As Macizas Centrais de Trives, a asociación Abertal da Rúa e a Banda de Gaitas de Vilariño de Conso actuarán neste evento de exaltación da música popular e tradicional.