Noticias

Jácome defende a supresión da ORA para cambiar hábitos de mobilidade

A supresión da ORA en Ourense é, segundo o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, un paso adiante para mellorar a mobilidade urbana e corrixir malos hábitos no uso do coche.

Así o afirmou este 2 de xaneiro, na primeira xornada laborable tras a eliminación dunha regulación que estivo vixente durante 30 anos na capital.

Jácome defende a supresión da ORA para cambiar hábitos de mobilidade

O rexedor explicou que a decisión responde a “moitas razóns”, comezando por unha implantación inicial que, ao seu xuízo, “non foi óptima” e que se viu agravada polos cambios na mobilidade urbana.

Jácome defende a supresión da ORA para cambiar hábitos de mobilidade
Foto: Concello de Ourense

Segundo indicou, “a xente cada vez quere rúas máis anchas e máis zonas peonís”, lembrando que Ourense duplicou case o espazo peonil ou de acceso restrinxido.

Pérez Jácome sinalou tamén que a ORA xeraba “moitísimo tráfico de axitación”, provocado por persoas que buscaban aparcamento nas zonas reguladas. Isto, segundo o alcalde, impedía a rotación de vehículos. Ademais, apuntou que co uso de aplicacións móbiles “a xente pagaba e estaba todo o día co coche aparcado”, convertendo o servizo “nun parking de superficie máis que nunha zona regulada”.

Publicaciones relacionadas

Preguntado polas consecuencias da medida, o alcalde comparouna cun proceso de liberalización económica, afirmando que “realmente non o sabemos”, aínda que avanzou que os cambios se irán notando de maneira progresiva. Engadiu que a regulación “xa carecía de lóxica”, xa que moitas das prazas actuais están en zonas peonís de uso restrinxido, polo que “tiña que caer pola súa propia necesidade”.

Zonas de carga e descarga

Entre as actuacións previstas, anunciou que se habilitarán máis zonas de carga e descarga, ao considerar que o aumento do reparto así o require. Segundo explicou, isto evitará situacións de caos e o uso indebido das beirarrúas. Tamén indicou que os residentes disporán de máis opcións para aparcar durante a noite.

Para rematar, Pérez Jácome defendeu que a eliminación da ORA fomentará boas prácticas de mobilidade. Segundo afirmou, “había xente que viña traballar en coche por 300 metros e aparcaba na zona ORA”, unha situación que considera inasumible. Tamén criticou o uso excesivo do vehículo privado fronte ao autobús urbano, ao que definiu como “un sistema moi económico e eficiente”. Ao seu xuízo, a medida servirá para cambiar hábitos para ben e eliminar malos vicios.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.