Noticias

Manuel Outumuro recibe o Premio Ourensanía

Manuel Outumuro recibe o Premio Ourensanía nun acto celebrado no Teatro Principal de Ourense coincidindo co Día de San Martiño.

«Unha traxetoria de primeiro nivel a nivel nacional e internacional, sendo un dos máis grandes da fotografía actual» foi unha das razóns principais do xurado para a elección de Manuel Outumuro.

Manuel Outumuro recibe o Premio Ourensanía

No acto estiveron presentes Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.

Durante a súa intervención, Manuel Baltar destacou a traxectoria do premiado. «Un dos máximos expoñentes no mundo da imaxe, cuxa obra transcende as nosas fronteiras e acada unha ampla repercusión internacional». O presidente da Deputación de Ourense quixo sinalar o valor profesional do premiado e o seu vínculo coa provincia. «Manuel Outumuro simboliza a esencia da Ourensanía. Un sentimento que o marcaría para sempre. Unha condición que levou consigo, desde Barcelona a Nova York, percorrendo latitudes de Europa e do planeta, atrás de imaxes que o levaran á foto definitiva». Manuel Baltar mostrouse especialmente satisfeito coa elección de Manuel Outumuro. «É unha inmensa satisfacción para min, como ourensán, como responsable do goberno provincial de Ourense e como amante e admirador da fotografía, terlle entregado o Premio Ourensanía 2022 a Manuel Outumuro, ourensán da Merca».

Manuel Outumuro recibe o Premio Ourensanía

Manuel Outumuro quixo deixar claro en primeiro lugar quería dedicar «o Premio Ourensanía aos meus orixes, aos meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra respecto». Durante a súa intervención recordou que «as fotografías que acabamos de ver teñen glamur, pero eu veño de pisar esterco, merda de vaca. Todo o que vivín ata os dez anos na Merca condicionou a miña forma de mirar. Os meus pais foron ata os dez anos unha fotografía. Crecín con esa ausencia, símbolo da emigración. A cambio contei co amor dos meus avós».

«A Ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar» destacou Alfonso Rueda.

Botón volver arriba