Deportes

O Club Ourense Atletismo brilla en Tarragona con dúas finalistas no nacional absoluto

Catro atletas do Club Ourense Atletismo competiron esta fin de semana no Campionato de España absoluto en Tarragona, nunha das participacións máis numerosas do club nesta cita nas últimas décadas.

O evento deixounos unha mestura de emocións, con dous postos de finalistas para Iria Solera e Manuela Blanco, e tamén a decepción polas lesións e os nulos que deixaron fóra da clasificación a Andrea Reija e Blanca Pereira.

O Club Ourense Atletismo brilla en Tarragona con dúas finalistas no nacional absoluto

Andrea Reija debutaba no héptatlon, pero só puido completar tres probas antes de verse obrigada a retirarse por lesión. A atleta ourensá comezou con 14.72 nos 100 valos (12ª), saltou 1.62 metros na altura (10ª) e lanzou 10.81 metros en peso (10ª). Foi precisamente durante o salto de altura cando comezou a notar as molestias que lle impediron continuar.

O Club Ourense Atletismo brilla en Tarragona con dúas finalistas no nacional absoluto
Foto: Club Ourense Atletismo

Tampouco tivo sorte Blanca Pereira, quen non conseguiu ningún intento válido no martelo, marchando con tres nulos consecutivos. Unha verdadeira mágoa, xa que chegaba a Tarragona cunhas marcas que a situaban entre as aspirantes a finalista.

Pola súa banda, Manuela Blanco asinou unha notable actuación en pértega, acadando a sexta posición cun salto de 3.90 metros, marca que igualou a outras dúas competidoras: Meritxell Benito e Diana Jiménez. Manuela superou os 3.75 metros ao primeiro intento e necesitou dous para o 3.90, antes de facer tres nulos sobre os 4.00 metros.

Tamén foi sexta Iria Solera na proba de salto de altura. A atleta, que competía por primeira vez nun Campionato de España absoluto, superou o 1.69 á primeira tentativa tras salvar o 1.64 no segundo intento. Tentou o 1.74 sen éxito nas tres ocasións.

A representación ourensá neste nacional absoluto é un claro reflexo do traballo e evolución do Club Ourense Atletismo, que continúa consolidándose entre os mellores do panorama estatal.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.