Ourense secundou a mobilización «Acabemos co negocio da vivenda» con máis dun cento de participantes. Estes percorreron as rúas do centro da cidade este sábado, 5 de abril.
A protesta foi convocada pola asemblea veciñal «Espazo Veciñal Ourense» (EvOU).
Ourense mobilízase polo dereito a unha vivenda digna
Esta mobilización partiu da delegación do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e rematou na Praza Maior cun acto reivindicativo e a lectura dun manifesto.
Este acto forma parte dunha acción coordinada en máis de 40 cidades do Estado español. O obxectivo común é denunciar a especulación inmobiliaria e reclamar políticas públicas que garantan o dereito efectivo a unha vivenda digna, accesible e que non hipoteque a vida das persoas.
O movemento veciñal en Ourense avanza na súa organización e anunciou que continuará con asembleas abertas e novos actos públicos para manter viva a loita contra a mercantilización da vivenda. Desde EvOU destacan que é urxente poñer fin ao negocio da vivenda e apostar por modelos que prioricen o ben común.

Na lectura do manifesto, fíxose fincapé na responsabilidade das administracións públicas e na necesidade de regular os prezos. Tamén se solicitou garantir alugueiros sociais e frear o crecemento dos pisos turísticos e especulativos.