A cidade de Ourense sitúase na vangarda culinaria tras sumar tres restaurantes á prestixiosa Guía Michelin 2026, un fito histórico que consolida o papel da capital como referente gastronómico en Galicia e en España.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, xunto con representantes dos grupos municipais de DO, PP e PSdeG-PSOE, recibiu no salón de plenos aos responsables dos establecementos Nova, Ceibe e Miguel González, recoñecidos pola súa excepcional cociña.
Ourense entra na elite gastronómica con tres estrelas Michelin
É a primeira vez que Ourense reúne tres restaurantes con estrela. Segundo o rexedor, constitúe “unha anomalía estatística, xa que moi poucas cidades españolas poden presumir de tal honra”. Engadiu que este logro reforza a tradición culinaria local e contribuirá a que “teña recoñecemento nacional”.

Jácome anunciou que o Concello potenciará esta “fortaleza gastronómica” nas próximas campañas de promoción turística. Nas mesmas, empregará o lema “Ourense brilla con 3 estrelas Michelin”.
Nova
Os integrantes do restaurante Nova, Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, celebraron o logro colectivo. Guzmán recoñeceu que é “un orgullo” que tres locais da cidade compartan este nivel de excelencia: “Somos competencia pero tamén compañeiros de gremio que loitamos por facer unha hostalaría mellor”. Subliñou a relevancia da promoción para un sector que precisa “desestacionalizar a clientela durante os 12 meses do ano”.
Ceibe
Desde Ceibe, situado na rúa San Miguel e distinguido desde 2023, acudiron Xosé Magalhães e Lydia del Olmo. Esta última puxo en valor o esforzo conxunto dos profesionais da hostalaría ourensá: “É cuestión de traballo, loita e sacrificio, tamén dos nosos traballadores, que xa son familia”. Reclamou ademais “máis apoio institucional” para favorecer o emprendemento xuvenil e garantir a continuidade dos proxectos. “Queremos ser felices, traballar e levar o pan cada día aos nosos fogares”.
Miguel González
Pola súa banda, Miguel González, que recupera a estrela no seu novo local na avenida de Pontevedra. Destacou que “Ourense sabe moi rico, estanse facendo as cousas moi ben” nun territorio cun “amplo abano gastronómico”. Resaltou o valor simbólico de reunir tres estrelas en apenas 700 metros, algo que cualificou de “privilexio”. Con todo, advertiu: “Unha estrela Michelin non é levar un pan debaixo do brazo, senón traballar todos os días para rendibilizar un negocio que sempre quere ofrecer maior calidade”.
Coa incorporación destes tres restaurantes, Ourense consolida a súa marca gastronómica e reforza o atractivo turístico nun momento de crecemento para o sector.