A segunda edición da Pasarela Solidaria de Allariz recadou 3.458 euros, xa entregados á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense para impulsar a investigación oncolóxica.
Toda a recadación foi doada á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense, que ten como obxectivo acadar unha taxa de supervivencia do 70% en cancro para o ano 2030.
A Pasarela Solidaria de Allariz doa 3.458 euros á AECC
Esta meta céntrase na promoción da investigación científica e no apoio directo ás persoas afectadas pola enfermidade.
O acto de entrega do cheque contou coa presenza de Teresa Quintana, Olga Ferreiro, Miguel Fides e Maikel Pazos, membros da organización do evento, quen fixeron entrega da doazón ao presidente da AECC en Ourense, Germán Rodríguez-Saá.
Durante a súa intervención, Rodríguez-Saá agradeceu “a implicación e o esforzo de Teresa, Olga, Miguel e Maikel, así como das empresas colaboradoras do comercio local de Allariz, que se suman a todas esas accións que, aínda sendo externas á asociación, teñen un impacto directo na nosa capacidade de continuar investigando”.
Ademais, animou á cidadanía “a seguir participando e colaborando para que poidamos chegar a todos os municipios da provincia sen distinción”.

Con este éxito, a Pasarela Solidaria de Allariz consolídase como unha cita benéfica de referencia na comarca, que une moda, solidariedade e compromiso social coa investigación contra o cancro. A organización quixo agradecer de forma especial o respaldo do público e o apoio das entidades locais que fixeron posible esta nova edición.