Ribeiro en Común levará de novo ao Pleno de Ribadavia a demanda dun paseo peonil completo na estrada OU-406, entre Valdepereira e Ribadavia, á altura de San Paio.
A formación defenderá no vindeiro Pleno de finais de xullo unha moción para esixir á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) que complete o paseo peonil iniciado este mes de xullo, incluíndo o tramo que cruza a ponte sobre a vía do tren.
Ribeiro en Común reclama un paseo peonil completo en San Paio
Ribeiro en Común volve a poñer sobre a mesa a histórica demanda veciñal de melloras na seguridade viaria na estrada autonómica OU-406. O tramo afectado por esta demanda está situado na parroquia de San Paio.

A reclamación non é nova. Desde setembro de 2016, hai case nove anos, o grupo ven solicitando actuacións nesta zona para garantir a seguridade dos viandantes. Esta reclamación realizouse tanto dende a oposición como formando parte do goberno local. As xestións incluíron reunións no Concello con representantes de ADIF no ano 2021 e con técnicos da AXI en 2022.
A comezos deste mes, a Xunta iniciou as obras dun paseo na marxe da estrada. Esta actuación é cualificada por Ribeiro en Común como “moi necesaria”. Pero tamén a consideran “incompleta e ineficaz” se non se dá continuidade ao trazado máis alá da ponte que cruza as vías ferroviarias.
“O feito de non incluír un paso sobre a vía do tren supón un corte abrupto do itinerario peonil e deixa sen solución un punto perigoso para a veciñanza”, denuncian. Por este motivo, o grupo insta a que o Pleno de Ribadavia inste á AXI a completar a actuación coa construción dun paso seguro sobre a vía, e solicita tamén a implicación de ADIF nesta obra.