O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe en Vilar de Barrio o papel esencial dos produtores de pataca. Santos agradeceu que manteñan vivo “un sector nuclear para a economía rural e orgullo de Ourense”.
Fíxoo durante o acto institucional da 46ª Festa da Pataca, un evento que volve poñer no mapa o produto estrela da comarca da Limia.
Eladio Santos eloxia en Vilar de Barrio o papel do sector agrario
Santos puxo en valor a pataca da Limia e animou aos produtores a seguir conquistando novos mercados. “O futuro do campo pasa por apostar pola comercialización, por darlle valor engadido ao que producimos e por reforzar o papel esencial do cultivo da pataca na economía rural”, subliñou.

Durante o acto, o subdelegado felicitou tamén á pregoeeira desta edición, a cociñeira Begoña Vázquez, primeira muller en recibir o Premio Cociñeiro Galego no 2024. “O seu traballo demostra como o talento, unido ao uso do produto local e ao apoio aos produtores, multiplica o valor do que aquí se cultiva”, engadiu.
Ademais, Santos reafirmou o compromiso do Goberno de España con Vilar de Barrio, que vén de recibir máis de 13 millóns de euros en axudas para proxectos piloto de comunidades enerxéticas, financiados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. “Esta inversión permitirá situar o municipio como exemplo en sustentabilidade e enerxía verde”, destacou.
O representante estatal lembrou tamén os 180.000 euros achegados polo mesmo Ministerio ao proxecto Vilar de Barrio, innovación turística e económica. Este proxecto busca impulsar a transformación territorial. “O Goberno amosa, unha vez máis, o seu compromiso coa loita contra o despoboamento, apoiando a sustentabilidade, a dixitalización e a retención do talento”, concluíu Santos.