O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou esta mañá o campamento infantil da Solaina, en Barbadás, acompañado polo alcalde Xosé Carlos Valcárcel e a concelleira de Educación, Marga Pérez.
O espazo forma parte da iniciativa municipal Barbadás Concilia, enmarcada no Plan Corresponsables, que este ano destinou ao concello unha achega de 42.083 euros para facilitar a conciliación familiar.
Barbadás impulsa a conciliación familiar con 42.000 euros do Plan Corresponsables
O subdelegado do Goberno destacou a importancia do programa durante a súa visita a un campamento na Solaina.

Segundo explicou Santos, grazas a esta axuda estatal, o Concello pode ofrecer actividades estivais sen ter que empregar fondos propios, o que permite atender a 294 familias durante os meses de verán. “As nais, pais e titores poden traballar con tranquilidade sabendo que os seus fillos están ben coidados cun servizo público moi importante”, subliñou.
O Plan Corresponsables é unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, que neste 2024 repartiu máis de 142,5 millóns de euros entre as Comunidades Autónomas. Galicia recibiu, en 2023, máis de 9,3 millóns de euros, que se están xestionando este ano a través de distintas liñas destinadas a concellos, entidades sen ánimo de lucro, ANPAS ou federacións deportivas.
Santos destacou que este programa, posto en marcha en 2021, xa se consolidou como un eixo fundamental da política de igualdade en España, cun marco legal sustentado na Lei de Igualdade efectiva entre mulleres e homes, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e as recomendacións da Estratexia Europea de Coidados.
“O Goberno de España ten como obxectivo consolidar os coidados como un dereito desde a óptica da igualdade entre homes e mulleres”, concluíu o subdelegado.
O Plan articúlase en cinco eixes principais, tres dos cales son responsabilidade das comunidades e cidades autónomas: a creación de bolsas de coidado profesional, o fomento do emprego e a certificación da experiencia en coidado non formal.