O alcalde de Ourense convoca un pleno extraordinario urxente para o vindeiro luns, 29 de decembro, no que se abordarán cuestións clave relacionadas coa xestión de residuos, o saneamento e o abastecemento de auga.
Esta sesión extraordinaria urxente do Pleno do Concello, celebrarase ás 9:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.
Pleno extraordinario urxente no Concello de Ourense
Na orde do día figura, en primeiro lugar, a ratificación da urxencia da convocatoria en todos os seus puntos.

A continuación, o pleno abordará a resolución das reclamacións presentadas durante o trámite de información pública e a aprobación definitiva da ordenanza reguladora das tarifas do servizo de recollida e tratamento de residuos, un asunto de especial impacto para a cidadanía.
Outro dos puntos centrais será a aprobación do convenio de cooperación entre o Concello de Ourense e o Concello de Barbadás. Este convenio serve para a prestación do servizo de saneamento e depuración de augas residuais no período 2025-2028. Neste apartado tamén se inclúe a liquidación da compensación económica pendente pola prestación deste servizo entre os anos 2006 e 2024.
Finalmente, o pleno tratará o recoñecemento extraxudicial da débeda con VIAQUA, S.A.U. Esta débeda corresponde á prestación do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais ata o 31 de decembro de 2024.

