Podemos Ourense presentou este mércores un escrito na Fiscalía para solicitar a apertura dunha investigación polos feitos ocorridos o pasado 11 de abril nun autobús da liña Ourense–Allariz da empresa Monbus.
Segundo denuncian, oito mozos refuxiados foron obrigados a baixar do vehículo sen causa xustificada, a pesar de ter o billete en regra e manter un comportamento exemplar.
Podemos Ourense denuncia un posible caso de racismo nun autobús de Monbus
Desde a formación morada consideran que este suceso podería constituír un delito de odio, ao dirixirse exclusivamente contra persoas de orixe africana. “A inacción da empresa e do resto de pasaxeiros agrava aínda máis a gravidade do sucedido”, sinalan no comunicado remitido aos medios.
Podemos Ourense reclama que se esclarezan os feitos e que se depuren responsabilidades. “É inadmisible que en pleno 2025 se sigan producindo actos de exclusión e racismo estrutural en servizos públicos esenciais como o transporte”, conclúe o escrito presentado ante a Fiscalía.

A organización achegou copia do documento rexistrado e ofreceuse a facilitar máis información ou realizar declaracións públicas sobre o caso.