Noticias

Preocupación en Ourense polo peche da Escola Infantil “A Casiña”

A recente comunicación de Cáritas anunciando o peche da Escola Infantil “A Casiña”, situada no barrio das Lagoas, deixou nunha situación de incerteza a numerosas familias ourensás.

O anuncio produciuse en pleno prazo de solicitude de matrícula e renovación de praza para o curso 2025-2026, deixando sen efecto as solicitudes presentadas.

Incerteza e preocupación en Ourense polo peche da Escola Infantil “A Casiña” nas Lagoas

O centro, que conta con 41 prazas e un equipo de sete traballadoras, é o único recurso dispoñible para a conciliación familiar e laboral da veciñanza da zona.

O deputado do BNG Iago Tabarés advertiu que, segundo a información publicada pola Xunta de Galicia, non existe ningunha escola infantil a menos de 2,5 quilómetros de “A Casiña”. Ademais, a única alternativa próxima, a Escola Infantil Concepción Saiz Otero, localizada no campus universitario, está enfocada principalmente á comunidade educativa.

Preocupación en Ourense polo peche da Escola Infantil “A Casiña”
Foto: BNG

Tabarés subliñou que o peche do centro non só prexudicaría ás familias, que terían que desprazarse a outros barrios, senón que tamén implicaría a perda de sete postos de traballo, afectando a profesionais con ampla experiencia e antigüidade. Esta decisión chega nun contexto no que Ourense é a única provincia de Galicia onde o paro rexistrado aumentou no último mes.

Desde o BNG tamén se criticou a escaseza de escolas infantís públicas en Ourense. Nestes intres, só sete centros son de titularidade e xestión pública, mentres que o resto están en mans privadas. “A Casiña”, precisamente, era a única de xestión privada sen ánimo de lucro, o que facía dela unha alternativa accesible para moitas familias.

Proposición Non de Lei

Para tratar de reverter a situación, o BNG vén de rexistrar unha Proposición Non de Lei (PNL) no Parlamento galego. NEsta PNL insta á Xunta a adoptar medidas urxentes para garantir a continuidade do servizo e o mantemento dos postos de traballo. Entre as medidas propostas inclúese a posibilidade de que a administración autonómica asuma a xestión do centro, integrándoo na rede pública de escolas infantís.

As familias afectadas manifestaron o seu malestar pola falta de alternativas inmediatas e pola incerteza que rodea o futuro da escolarización dos seus fillos. A situación xerada polo anuncio de peche de “A Casiña” continúa a xerar reaccións e reivindicacións en defensa deste servizo esencial no barrio das Lagoas.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.