O Concello de Barbadás presentou esta mañá a nova edición da Noite Moucha, un evento que se celebrará este venres e que busca poñer en valor o papel do comercio local no tecido económico e social do municipio.
A concelleira de Cultura, Marga Pérez, explicou durante a presentación que 13 establecementos locais abrirán as súas portas ata as 23:00 horas, ofrecendo descontos especiais, mesas doces, actividades e sorpresas para os asistentes.
Barbadás presenta a Noite Moucha para impulsar o comercio local
“Tamén haberá animación nas rúas, como actuacións de baile, zancudos ou pintacaras”, destacou Pérez, quen subliñou que este ano a Noite Moucha contará con sorteos de 13 bonos de 40 euros cada un, que poderán reinvestirse no comercio local.
Cada establecemento participante terá unha decoración especial deseñada polo Concello, para que os clientes identifiquen facilmente os negocios adheridos á iniciativa.
Na presentación, Gloria Martín, presidenta do Centro Comercial Aberto (CCA) A Valenzá, animou á veciñanza a participar e a coñecer de primeira man “todo o que temos que ofrecerlles”, ao tempo que convidou a máis comerciantes a unirse á proposta: “Queremos que cada ano se animen máis establecementos a participar”.
Pola súa banda, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a importancia do asociacionismo e da formación no sector comercial: “Sen iso é moi difícil traballar e ser competitivos”, afirmou. Marga Pérez tamén incidiu no papel fundamental do comercio local: “Utilizar o noso comercio axuda a darlle vida ao concello”.

Durante a presentación da Noite Moucha, o Concello de Barbadás lembrou que esta acción forma parte dun conxunto de iniciativas destinadas a impulsar o comercio local, como o concurso de escaparates do Nadal, o Barbadás a Bocados ou os programas de apoio ás pemes e de emprendemento que se desenvolven no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET) e en colaboración con Adercou.