Presentan ante decenas de persoas a candidatura socialista coa que intentarán recuperar o goberno municipal de Viana do Bolo.
Germán García-Ávila, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Viana do Bolo, presentou o equipo que o acompaña na candidatura para as eleccións municipais do 28 de maio.
Presentan a candidatura socialista para recuperar o goberno de Viana do Bolo
Ademais de decenas de veciños e veciñas, o candidato estivo acompañado por Uxía Tizón, deputada no Congreso, Miguel Bautista, senador, Alfredo García, alcalde do Barco, e Natalia González, nº2 da candidatura socialista na cidade de Ourense.
O candidato comezou a súa intervención indicando que «conta cun grupo de persoas novas, mesturados con xente con experiencia e que están dispostas a dar o mellor de si para servir á veciñanza con fidelidade ás siglas e ao proxecto que presentamos».
Do contido do seu programa, García Ávila destaca «a construción dun centro de día, fundamental para os maiores; a creación de varios aparcadoiros para solucionar os problemas de estacionamento na vila; a construción dun paseo a carón do encoro; a creación dun albergue para solucionar os problemas de hospedaxe; a creación dunha brigada municipal para a limpeza e mantemento de tódolos núcleos de poboación; a creación dunha oficina de turismo na vila e a dinamización do sector; a aposta polo deporte; ou a dinamización e promoción dos diferentes sectores primarios».
Durante a súa intervención, Uxía Tizón destacou que «é hora de defender os valores socialistas». A deputada animou á cidadanía a «apostar por unha Viana do Bolo chea de ledicia, de optimismo e que mira ao futuro».
Natalia González, nada en Viana do Bolo, sinalou que «temos que apostar por un proxecto enfocado nas persoas e que reforce o noso orgullo pola nosa terra».