O Concello de Pereiro, a través do Centro de Información á Muller (CIM), impulsa a igualdade e a loita contra a violencia de xénero co seu novo programa de actividades para o outono-inverno 2025-2026.
O programa abrangue dende outubro ata febreiro e busca sensibilizar á poboación, con especial fincapé na mocidade, e ofrecer ferramentas formativas.
Pereiro impulsa a igualdade co programa do CIM 2025-2026
As actividades comezan en outubro. O Polideportivo BenChoShey acollerá un curso de defensa persoal feminina. Diríxese a todas as mulleres do concello.
Novembro será un mes clave, centrado na conmemoración do 25N. Os centros escolares terán un gran protagonismo e participarán nun Concurso de Debuxos para previr e visibilizar a violencia machista. O prazo para presentar as obras remata o 17 de novembro. Ademais, os colexios recibirán formación sobre igualdade e prevención da ciberdelincuencia machista a través do programa «Pantallas Amigas».
O propio 25 de novembro, ás 12:00h, o Concello celebrará unha concentración. Convocan á cidadanía na praza do concello do Pereiro para a lectura dun manifesto de repulsa contra a violencia de xénero.
O programa continúa en decembro. Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo «Na Túa Man» no Auditorio Municipal Os Gozos, tamén dirixido aos centros escolares.

Xa no inicio de 2026, durante xaneiro e febreiro, desenvolverán outra iniciativa para o alumnado. A asociación ASEIA impartirá un programa de educación afectivo-sexual. O obxectivo é mellorar a saúde emocional na infancia e adolescencia.