O PSdeG-PSOE de Ourense iniciou en Valdeorras o novo curso político coa preparación das eleccións municipais de 2027 como unha das súas prioridades.
A Comisión Executiva Provincial e o Comité Provincial reuníronse este sábado no Barco para facer balance do traballo realizado e avanzar na configuración das candidaturas.
O PSdeG-PSOE de Ourense prepara as municipais de 2027
O secretario provincial, Álvaro Vila, asegurou que as municipais de 2027 son xa unha prioridade para a organización e destacou que o partido leva meses traballando “concello a concello” para identificar persoas dispostas a liderar os proxectos socialistas.

Segundo Vila, o obxectivo é contar con equipos, proxectos e candidaturas nos distintos municipios da provincia, buscando persoas que coñezan a realidade dos seus concellos e queiran asumir responsabilidades políticas.
A dirección provincial tamén destacou o compromiso de celebrar os seus órganos en diferentes comarcas para manter un contacto directo coas agrupacións locais e coa militancia. Vila defendeu que o partido debe estar “onde están os problemas, as necesidades e tamén as oportunidades de futuro”.
Durante as reunións, os socialistas ourensáns analizaron igualmente o estado dos traballos para completar as listas municipais. Vila sinalou que non se trata só de “cubrir papeletas”, senón de formar equipos e construír proxectos políticos con raíces en cada municipio.
O novo curso político combinará así o traballo institucional e de oposición coa preparación das municipais de 2027. A dirección provincial prevé continuar nos próximos meses o contacto coas agrupacións e avanzar na configuración das candidaturas.

