Noticias

O PSdeG reclama máis vivenda pública e critica os recortes da Deputación

O PSdeG-PSOE de Ourense defende o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, dotado con 7.000 millóns de euros, e denuncia que o PP elimina os fondos provinciais para comprar ou construír vivendas nos concellos.

Os socialistas destacan que Galicia contará con 399 millóns de euros, dos que 239,4 millóns procederán do Estado, para impulsar a construción, adquisición e rehabilitación de vivendas, así como o alugueiro accesible.

O PSdeG reclama máis vivenda pública e critica os recortes da Deputación

O candidato ao Congreso, Brian Diz González, reclama que o financiamento se traduza en promocións concretas e vivendas dispoñibles. Considera que as administracións deben mobilizar recursos para facilitar o acceso á vivenda da mocidade e das familias.

O PSdeG reclama máis vivenda pública e critica os recortes da Deputación
Foto: PSdG.

Pola súa banda, a candidata ao Senado, María Fernández Ojea, subliña que a vivenda é fundamental para que a mocidade poida emanciparse e desenvolver o seu proxecto de vida. Defende incrementar o parque público e impulsar alugueiros accesibles, especialmente nos municipios da provincia.

O PSdeG tamén critica a falta de promocións públicas de vivenda en Ourense durante os últimos anos e reclama colaboración entre o Goberno central, a Xunta e os concellos para mobilizar solo e executar novos proxectos.

Críticas á eliminación de fondos da Deputación

O secretario provincial socialista, Álvaro Vila Araújo, denuncia que o PP suprimiu dos orzamentos da Deputación para 2027 a partida destinada a apoiar os concellos na compra ou construción de vivendas.

Segundo o PSdeG, os fondos pasan de 1,5 millóns de euros a cero euros, unha decisión que consideran especialmente grave ante as dificultades de acceso á vivenda.

Vila Araújo contrapón esta eliminación á aposta socialista por mobilizar recursos públicos e ampliar a oferta habitacional, e acusa o Goberno provincial de deixar os municipios sen unha ferramenta económica para afrontar o problema.

Botón volver arriba