O PSdeG critica a supresión da ORA en Ourense, unha decisión que cualifica de improvisada e con efectos negativos xa visibles na cidade.
Dende o grupo municipal socialista sinalan que a eliminación do servizo “non foi unha medida pensada nin planificada”, senón “unha ocorrencia propagandística cuxas consecuencias estamos sufrindo xa na rúa”.
O PSdeG alerta do caos tras eliminar a ORA
As edís socialistas advirten de que o primeiro gran prexuízo é o caos no tráfico. Segundo explican, o que antes funcionaba como un sistema de rotación converteuse agora nun aparcamento permanente, o que provoca máis vehículos dando voltas, máis atascos, máis contaminación e unha perda directa de tempo para a cidadanía. “Non hai menos problemas: hai máis, porque unha cidade non se pode xestionar a golpe de titular”, critican, en referencia á falta de planificación do grupo de goberno.

Outro dos aspectos que máis preocupa ao PSdeG é a ausencia total de alternativas tras a supresión da ORA. As socialistas denuncian que non se puxeron en marcha aparcadoiros disuasorios nin se reforzou o transporte público. “Elimínase a ORA sen ofrecer ningunha solución real, o que nos parece tremendamente irresponsable e pouco serio”, engaden.
O grupo municipal socialista tamén chama a atención sobre a situación dos traballadores e traballadoras da ORA, cuxo futuro segue sen aclararse. Segundo indican, levan tempo preguntando polo impacto laboral da medida en Xuntas de Área e plenos municipais, sen obter respostas. “Pode cualificarse como unha falta de respecto aos dereitos laborais que deixa a estas persoas no limbo”, sosteñen, lembrando que o sistema era mellorable, pero garantizaba acceso e rotación de vehículos.
Como cuarto prexuízo, o PSdeG incide no feísmo urbano derivado dunha decisión tomada sen plan alternativo. Parquímetros abandonados, sinais contraditorias ou inexistentes e marcas no chan sen significado son, segundo denuncian, a imaxe actual dalgunhas zonas da cidade. “Se se toma unha decisión, polo menos que se execute con rigor”, lamentan.
En conclusión, as socialistas consideran que a falta de planificación, de alternativas e de respecto pola mobilidade e polo espazo público acabará pasando factura á veciñanza. “Suprimir a ORA deste xeito non é valentía política, é deixar Ourense ao albor do desorde. E merecemos moito máis que este despropósito”, conclúen.

