O PSdeG-PSOE de Barbadás anuncia que iniciará contactos coas demais forzas políticas para buscar unha alternativa que permita garantir a gobernabilidade do Concello.
Esta situación prodúcese tras a retirada do apoio de Democracia Ourensana ao alcalde e a saída de Daniel Rey da tenencia de alcaldía.
O PSOE de Barbadás busca unha alternativa ante a crise de goberno
As cinco concelleiras socialistas consideran que a situación deixa o goberno municipal, formado agora polo alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro José Manuel Morgade, nunha posición que dificulta a xestión ordinaria dun municipio de máis de 11.000 habitantes.

A voceira socialista, Victoria Morenza, asegura que o PSOE, como principal forza da oposición con cinco edís, debe asumir responsabilidade ante a nova situación. “Non se pode deixar Barbadás abandonado á súa sorte”, sinalan as socialistas.
O grupo municipal explica que pretende manter conversas co resto de formacións para explorar unha fórmula que permita garantir o funcionamento do Concello durante os meses que restan de mandato.
“Non se trata de ocupar cadeiras nin de facer unha batalla partidista. Trátase de que Barbadás teña un goberno que poida gobernar, tomar decisións e atender os problemas da cidadanía”, afirma Morenza.
As socialistas lembran ademais que dous concelleiros que inicialmente formaban parte do PP son actualmente non adscritos, polo que a composición da oposición tamén mudou desde o inicio do mandato.
O PSdeG-PSOE defende que a situación require “diálogo e responsabilidade”. Aseguran que o seu obxectivo é evitar a paralización municipal ata as próximas eleccións. Sinalan que será nesa cita electoral cando“a cidadanía teña a última palabra”.

