O PSOE de Ourense denuncia que o goberno municipal pretende prescindir do Consello Municipal de Igualdade e reclama que rectifique a decisión, coñecida nas vésperas do 25N.
A voceira socialista, Natalia González, critica que o executivo xustifique a medida pola falta de participación e lembra que este órgano permitiu impulsar o rueiro feminino, organizar actividades reivindicativas e xestionar fondos contra a violencia de xénero.
O PSOE denuncia a supresión do Consello Municipal de Igualdade
As socialistas tamén reclaman cubrir a baixa da psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) e denuncian a falta de avances no rueiro feminino.

Por outra banda, o PSOE critica que o Concello non prevexa ampliar a curto prazo Xantar na Casa, que ten as 100 prazas cubertas e 12 persoas en lista de agarda. As socialistas propoñen incorporar polo menos 50 novas prazas en 2027.
Ademais, anuncian achegas ao regulamento do Fogar do Transeúnte e reclamarán que as bolsas de libros e comedor escolar se convoquen antes de finalizar o ano.

