Noticias

Que pasa no Irmáns Villar?

Que pasa no CEIP Plurilingüe Irmáns VIllar? Por que protestan as familias que forman a comunidade educativa deste centro de ensinanza da cidade de Ourense?

No seguinte texto, redactado desde a Anpa do CEIP Irmáns Villar, está recollida toda a información. A orixe desta problemática que sofren, as peticións realizadas e as mobilizacións que están a programar.

Que pasa no Irmáns Villar?

Dende a ANPA do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar vémonos na obriga de realizar esta primeira concentración para transmitir a indignación das familias á Comunidade Educativa do noso centro ante o problema causado pola Xefatura Territorial e pola súa inacción para a resolución do mesmo.

De cara ao vindeiro curso escolar 2024-2025 hai unha insuficiencia de prazas ofertadas no IES Otero Pedrayo para 1º ESO con relación á demanda do seus 3 centros adscritos (CEIP A Inmaculada, CEIP Plurilingüe Amadeo Barroso e CEIP Plurilingüe Irmáns Villar).

Que pasa no Irmáns Villar?
Mapa

Dita oferta é de 84 prazas para 97 solicitudes presentadas. Polo tanto, quedan fóra 13 persoas dos centros adscritos. Once delas pertencen ao CEIP Plurilingüe Irmáns Villar. Tras manter tres reunións coa Xefatura Territorial e o seu equipo (Inspección e Admisión) e tamén coa delegada da Xunta en funcións, non conseguimos que nos presentaran ningunha solución práctica. Só nos propuxeron agardar e confiar en que non tódalas reservas formalizaran a solicitude de admisión no IES Otero Pedrayo, feito que agora vemos non aconteceu.

O Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, que regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos recolle o seguinte:

Capítulo 1, artigo 2, punto 2 dise que a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería competente en materia de Educación delimitará as áreas de influencia. No punto 3: para determinar as áreas de influencia terase en conta que exista un centro docente público e a súa capacidade e a poboación que hai que escolarizar no seu entorno.

-No artigo 3, recóllese que os centros públicos adscritos a outros que imparten etapas diferentes “consideraranse centros únicos” para aplicar os criterios de admisión do alumnado. A estes efectos, o concepto centro único comprende unicamente ao centro adscrito e ao centro de adscrición do nivel inmediato superior.

Insuficiencia de prazas ofertadas no IES Otero Pedrayo para 1º ESO

En canto á Orde de 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o decreto 13/2022 dispón o seguinte no seu capítulo 1, artigo 2, punto 2: “A persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería competente en materia de Educación terá en conta: a) A previsión de permanencias. b) Os postos reservados ao alumnado procedente do centro adscrito·.”

No ano 2015 escolarizáronse as persoas nacidas no 2012 e seguindo a evolución do seu ciclo educativo no curso 2024/2025 farán a súa incorporación á Educación Secundaria Obrigatoria. Así pois, son datos coñecidos de antemán pola a Xefatura; ao igual que o número de prazas dispoñibles no IES Otero Pedrayo.

Estamos a falar de que a 97 nenos/as con idades comprendidas entre os 12 e 13 anos se lles vai privar do seu dereito a continuar os seus estudos obrigatorios cos seus compañeiros e compañeiras, no seu entorno e no centro ao que pertencen. Entendemos que houbo unha total falta de planificación para estes centros, a cal queremos denunciar para que se tomen as medidas correspondentes.

Esiximos que as 11 persoas solicitantes teñan garantida a súa praza para o curso 2024/2025 no IES Otero Pedrayo. De non ser atendidos os nosos dereitos, continuaremos coa nosa folla de ruta ata que dende a Xefatura Territorial de Educación de Ourense se nos solucione o problema causado. Así mesmo facemos un chamamento ao resto da comunidade educativa de Ourense, partidos políticos e sindicatos para que nos acompañen nesta nosa reivindicación.

Que pasa no Irmáns Villar?
Foto: ANPA Irmáns Villar

Próxima concentración: día 2 de maio ás 10:00 horas diante da Xefatura Territorial de Educación de Ourense

Botón volver arriba