A Concellería de Educación do Concello de Ourense puxo en marcha unha nova edición do programa “Concilia Verán 2025”.
Esta edición conta cunha notable ampliación da súa oferta: este ano incorpora 375 novas prazas, acadando así máis de 2.100 participantes.
“Concilia Verán 2025” arranca en Ourense con récord de participación
O Concello de Ourense aposta pola conciliación familiar e laboral cunha ampla oferta de actividades lúdico-educativas para a mocidade durante as vacacións escolares

O obxectivo do programa é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de vacacións escolares, ofrecendo propostas de lecer con contido educativo para nenos e nenas desde 4º de Infantil ata 4º da ESO.
Este luns iniciáronse dúas novidades no programa: o Campamento dixital – Cibervoluntarios, no Centro Cívico Colón, e o Campamento de Iniciación ao Teatro, que se desenvolve na Escola Municipal de Música e Teatro. Ás dúas propostas súmase o tradicional programa na Aula da Natureza de Oira, onde se organizan actividades medioambientais até a primeira semana de setembro.
Onte, martes, botou a andar a actividade Concilia Verán en nove centros educativos da cidade. Estes campamentos prolongaranse durante os meses de xullo e agosto. O horario desta actividade será de 8:00 a 14:30 horas e celebrarase nos CEIP O Couto, Manuel Luis Acuña, Amadeo R. Barroso, Mestre Vide, Virxe de Covadonga, Vistafermosa, Irmáns Villar, A Ponte e As Mercedes.
A programación complétase con Concilia Verán – Espazo Makers – Uvigo: “Un verán na nube”. Esta proposta está centrada na tecnoloxía e a creatividade que se desenvolve no edificio politécnico da Universidade de Vigo, no campus de Ourense. Esta actividade vai dirixida a estudantes de 6º de Primaria a 3º de ESO e celébrase durante o mes de xullo.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso co apoio ás familias e coa educación non formal como ferramenta de igualdade e benestar para a infancia e a adolescencia.