Noticias

Os colectivos de memoria reclaman protexer o cárcere de Ourense

Os colectivos de memoria da provincia reclaman ao Estado que incoe con carácter urxente o expediente para declarar o antigo Cárcere Provincial de Ourense como Lugar de Memoria Democrática, co obxectivo de frear o seu deterioro e evitar usos que borren a súa memoria histórica.

A petición chega despois de que o alcalde de Ourense anunciase o pasado 21 de setembro a súa intención de propor a Paradores de Turismo a transformación do antigo cárcere da rúa do Progreso e da Casa de Baños nun establecemento de vinte habitacións. Segundo os colectivos, actualmente non existe proxecto, acordo con Paradores nin estudo de viabilidade.

Os colectivos de memoria reclaman protexer o cárcere de Ourense

As entidades lembran que o cárcere foi un dos principais centros de represión da provincia desde xullo de 1936. Entre xullo e setembro dese ano rexistráronse máis de 400 ingresos, segundo sinalan, e moitos dos presos foron posteriormente asasinados. A represión continuou durante a posguerra e a ditadura, ata o paso polo cárcere do último preso político, Suso Vaamonde, en 1984.

Os colectivos lembran tamén que en 2001 o Concello e o Estado asinaron un convenio polo que o edificio pasou á titularidade municipal, cun compromiso para convertelo nun museo da memoria histórica. Vinte e cinco anos despois, consideran que ese compromiso continúa sen cumprirse.

Como referencia, citan o caso de Lugo, onde o BOE publicou o pasado 19 de xuño a incoación do procedemento para declarar a antiga Prisión Provincial como Lugar de Memoria Democrática.

Por este motivo, solicitan á Secretaría de Estado de Memoria Democrática que inicie de forma urxente o procedemento previsto na Lei 20/2022. Segundo explican, a incoación permitiría a anotación preventiva do inmoble no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e facilitaría a adopción de medidas provisionais para a súa protección.

Á Xunta de Galicia reclámanlle, pola súa banda, que retome o consenso de 2001 e inicie o expediente para declarar o edificio Ben de Interese Cultural (BIC) ao abeiro da Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia.

Os colectivos defenden que calquera futuro uso do inmoble debe respectar e explicar o seu significado como lugar de memoria e patrimonio colectivo de Ourense. A iniciativa está asinada por Amigos da República de Ourense, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Botón volver arriba