O PSdeG-PSOE mostra o seu rexeitamento á supresión de frecuencias do AVE na estación da Gudiña, unha decisión que afecta negativamente a toda a comarca e mesmo a territorios limítrofes.
Acompañado por varios deputados e deputadas provinciais, Vila expresou o apoio explícito do seu partido ás reivindicacións encabezadas polo alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, contra a decisión de Renfe de reducir de nove a seis os trens diarios con parada nesta estación a partir do 9 de xuño.
O PSdeG-PSOE rexeita o recorte de frecuencias do AVE na Gudiña
“O recorte das paradas do AVE na estación A Gudiña – Porta de Galicia é un ataque directo a un servizo esencial para o desenvolvemento do noso territorio”, afirmou este xoves Álvaro Vila, secretario provincial do PSdeG-PSOE e portavoz do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, durante a súa visita á localidade.
Álvaro Vila denunciou que esta rebaixa nos servizos ferroviarios deixa sen opción de transporte a centos de persoas que utilizan o AVE por razóns laborais, sanitarias ou educativas. “Non podemos permitir que unha zona clave quede illada, sen conexións axeitadas, mentres se fala de interese xeral e social”, apuntou Vila, quen anunciou que o Grupo Socialista apoiará todas as iniciativas necesarias ante Renfe e outras administracións para reverter esta medida.
Pola súa banda, o alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, fixo fincapé no carácter supramunicipal da protesta. “Non é só unha loita da Gudiña, senón dunha trintena de concellos da contorna, incluíndo municipios do Bierzo e do norte de Portugal, que xa se sumaron á campaña en defensa deste servizo público básico”, declarou. Ogando cualificou o recorte como unha “deriva sen sentido” que prexudica directamente á cohesión territorial e á loita contra o despoboamento.
A partir do 9 de xuño, os usuarios perderán a posibilidade de viaxar cara Madrid antes das 14:08 horas ou de regresar a Galicia despois das 18:06 horas. Desde o PSdeG-PSOE considérase que esta decisión agrava o illamento dunha comarca xa golpeada por anos de recortes en servizos públicos.

“Garantir o acceso aos servizos ferroviarios é unha cuestión de xustiza territorial”, insistiu Vila. “Temos a obriga de ofrecer as mesmas oportunidades de vida e traballo a quen vive no rural que ás persoas das grandes cidades”. O líder socialista comprometeuse a seguir traballando con determinación para que ningún territorio da provincia quede atrás.