Colaboraciones

Ribeiráos de Viñoás na montaña: A romería do Mundín

Día grande, 12 de outubro, en España e toda a Hispanidade.

Texto de José Antonio Regueiro Docampo (José de Viñoás).

Ribeiráos de Viñoás na montaña: A romería do Mundín

Unha vez máis, o 12 de outubro, día do Pilar e día grande en toda España, no noso concello de Ramuín celébrase unha romería en honor á Virxe do Pilar no Mundín, alí pegadiña á mesma ermida que garda a imaxe da Virxe do Pilar do Mundín.

Unha pequena aldea na penichaira da alta montaña ourensá. Pequena aldea, si, pero non por eso deixa de ser grande e importante, sobre todo o día 12 de outubro. O 11 xa había verbena, o 12 Festa Grande e o 13 Festa Pequena.

Era unha festa e romería que tamén a facían grande os da Ribeira. Poucas eran as xentes das ribeiras de Santa María de Viñoás e San Xosé da Carballeira, e de todas as ribeiras próximas destas comarcas do Miño e do Sil, que faltasen á romería do Mundín. Aínda que quedaba a unha distancia considerable, os veciños animábanse uns aos outros.

E aquelas mulleres da ribeira! Con que entusiasmo e con que grande orgullo cociñaban nas lareiras o mellor que tiñan e podían. O día 12, pola mañá ben cedo, remataban de cociñar. Os homes aínda se erguían máis cedo e íban a algún eido ou viña facer algunha labor agrícola ou compoñer ferramentas para os seguintes días ter todo preparado, e de paso xa pasaban pola bodega encher os garrafós, as botas e algunha cabaza para levar o viño.

Saíamos cada un de cada lugar da parroquia e xuntabámonos, no noso caso da parroquia de Viñoás, en Vertelo. E xa! Polo camiño de Castelao, que vai direito á montaña!

Era algo bonito ver aquelas mulleres con que orgullo levaban aqueles cestos coa comida na cabeza. Os rapaciños, durante o longo camiño, axudabamos levando algunha cousa pequena acorde coa idade, e os homes cos garrafós, coas botas e coas cabazas do viño.

Se aquelas mulleres ribeirás ían con todo orgullo cos cestos da comida, aqueles homes ribeiráos non ían menos orgullosos. Transmitían aquela ilusión, sentían orgullo e a satisfacción de levar aquel viño colleitado por eles mesmos na ribeira, naqueles sucalcos que tantos traballos lles daban.

E así, con grande alegría, botando a cada momento grandes e potentes aturulos, falando, contando algún conto e rindo, seguíamos andando camiño arriba.

Como íbamos rapaces pequenos, facíase un descansiño ao chegar por Souto Tellado, e logo outra tirada e ao chegar aos Carballos de Gurdías, outra parada obrigatoria para outro descanso. Pero era tradición e alí botar enormes e grandes aturulos: empezaban os avós, seguido daqueles rudos pero nobres labregos ribeiráos e algunha muller que tamén se animaba, e os rapaces imitábamos canto podiamos e participabamos da tradición para honrar aqueles milenarios carballos chamados de Gurdías.

Despois do descansiño, despedíamonos cun grande aturulo alí, a unísono, que resoaba ata a ribeira e ata a montaña. Volviamos continuar subindo e xa en Valdomar, por fin, xa pisabamos nas terras altas da montaña e moi rapidamente en Luintra, a auténtica penichaira montañesa. Desde Luintra xa se oían os fogos e as bombas que botaban os ramistas da festa no Mundín.

Ao chegar á ermida do Pilar asistiamos á misa con moita devoción, con moita atención e sumo respecto. Sacaban a imaxe en procesión, repinicaban as campás, botaban fogos de tres estralos, cubos de retreta, de oito estralos, e bombas dun estralo pero moi potente. Metían a imaxe da Pilarica no templo e xa algún dos ramistas máis popular e decidido empezaba a poxa coas ofrendas que os devotos e fregueses ofrecían á Santa: cachuchas, xamós, lacós, capós, pitas, años, etc…

Ao rematar a poxa, xa a elixir un sitio pra xantar. De mesa, o chao nun lameiro; de asento, o propio chao ou unha pedra, estendíase un mantel e a comer. Como había moita xente, as familias e os veciños comiamos bastante xuntos, ou preto, aquelo era ao aire libre, pero o malo era se chovía, entón íbase para debaixo dalgún pendello dos veciños do Mundín, onde tiñan os carros dos bois e servían de mesa, ou algún tronco de madeira, algunha táboa, pero o normal sempre era fóra naqueles lameiros.

Aquelo era así daquel tempo, pasábase moi ben e con moita alegría. Ao ir un pouco fartos, xa empezaban os desafíos, as regueifas, que saían da impronta espontaneamente de calquera adulto, home ou muller, e tamén xa empezaban a achegarse os mozos por cada familia a probar o viño, o licor café, a augardente branca, tostada, de herbas, tamén algún doce que eran feitos polas avoas na casa: roscós, léite frita, brazo de xitano, tarta da casa, etc…

Os rapaces brincabamos, os maiores falaban da colleita, se fervera o viño, que pronto viña o San Martiño para empezar o viño novo, da castañeira, dos siqueiros, dos canizos, das nabeiras cos grelos, dos zarrotes, se chovía, se non había que esperar para que nacesen, comentaban dos veciños que estaban lonxe no zarrallo e de afiadores, dos que estaban na emigración en América e noutros lugares do mundo.

E así chegaba a hora de tocar a música. Os mozos bailaban cas mozas, os matrimonios tamén bailaban, os rapaciños bailabamos coas rapaciñas. Daqueles anos de 1950 eran famosas as bandas de Alongos, Lira de Ribadavia, a de Melias, de Oleiros, cuartetos, charangas, incluso eran moi famosos o Elixio de Moura, o Gerardo de Luintra, o Arturo de Baralongo cos seus acordeós.

Daquel tempo tocaban moitos pasodobres, pero non faltaban pezas como La leyenda del beso, El gato montés, Paquito el Chocolatero, La danza del fuego, algún chotis, tango, algunha zarzuela, e o que nunca faltaba era a Alborada de Veiga, pero sobre todo a muiñeira e a xota.

Toda a tarde divertíndose e logo ao empezar a escurecer paraba a música e todos a cear outra vez nos lameiros, nalgún muro, pedra, nalgún tronco, nalgunha beira. Volvía tocar a música, bailábanse unas pezas e xa camiño de volta. Se algún mozo quedaba á verbena, si lle dera palabra a algunha moza e se a acompañaba á casa, viña chegando case ao romper o día, pero os avós, os pais e os rapaces viñámonos a unha hora prudente.

Ademais, daquel tempo polo camiño de Castelao había moitos lobos, e claro os pequenos tiñan moito medo e algún grande pois tamén. Como xa era moi de noite e non se vía moi ben, alumabamos cun foco de pila eléctrica, era raro pero xa había quen o tiña, pero o normal era cun farol, que eran daquelas máis habituais e todo o mundo os tiña.

Como o día fora ben bo, había algún que algún tropezón tamén o daba porque era de noite e víase pouco, pero claro algún vasiño de máis tamén podía ser…

E ao chegar á ribeira cada un para a súa casa, porque pra o seguinte día había que atender a labor da facenda e traballar. Así era aquela vida doutro tempo que xa pasou, e así eran aqueles ribeiráos que o 12 de outubro non perdían de subir á montaña para ir á festa da Virxe do Pilar no Mundín.

II. DA RIBEIRA Á MONTAÑA PASANDO POR VALDOMAR

Se queremos ir camiñando desde a ribeira de Viñoás cara á montaña debemos ir polo camiño de Castelao que vai paralelo ao rigueiro de Viñoás, marxe esquerda dos Castelos —cómpre non confundir Castelao cos Castelos— desde Vertelo a primeira poboación que nos atopamos é Valdomar, un pobo da montaña no concello de Nogueira de Ramuín.

Recordo sendo un neno ir desde Viñoás, este que subscribe, acompañando a miña mai buscar leite onde a señora Herminia de Valdomar. O motivo non era porque na casa non houbese vacas, era que as vacas teñen momentos en que andan preñadas ou paran de dar leite, así que tocábame levar e traer unha caldereta dun cuartillo máis por non andar de baleiro, e a miña mai traía outras, ás veces 2 e ás veces 3 de dous litros cada unha, pero a cantidade dependía de cando a señora Herminia munguía as vacas. Aquelo era ir e vir diariamente, así que casi xa sabía o camiño de memoria. O malo era o medo, pois daqueles en Castelao había moitos lobos, a miña mai tiña medo pero eu aínda tiña moito máis.

O caso é que todos os da ribeira que iamos polo camiño de Castelao para ir á montaña obrigatoriamente tiñamos que pasar polos montes de Castelao a Valdomar. Desde a ribeira ao empezar o camiño xa de fronte no alto vese o monte comunal de Loña —non confundir con Loña do Monte pois aínda queda pala de Santa Cruz de Rubiacos—, Loña era monte de mao común dos veciños de Valdomar, os de Nogueira, os da Fonte Fría, os de Liñares, e tamén algús pobos da ribeira, como os de Vertelo, os do Mollón, os da Casanova e os dos Borraxos. Seguramente nesa serra ten que haber moitas historias por ser un sitio singular e pintoresco, ademais era onde primeiro caían as neves.

Seguindo o camiño desde Vertelo, ao lado dereito temos o rigueiro e ao lado dereito do rigueiro a Barqueira, co seu famoso Penedo da Silla, o da Vella, e case todos os penedos son irregulares polo que todos teñen o seu nome propio, cada paraxe, cada parcela ten o seu nome.

Seguindo camiñando costa arriba temos Castelao e os Castelos, dous enclaves únicos e singulares en todo o municipio de Ramuín. Castelao, posiblemente a xoia arqueolóxica por descubrir da antiga xurisdición de Ramuín, alí tamén estaban maxestosos os milenarios carballos de Gurdías. Tamén temos o noso pequeno Guadiana, o rigueiro de Viñoás, que desaparece baixo terra preto de Valdomar e volve aparecer nos ollos de Vertelo. Subimos camiñando e temos Souto Tellado coa súa fértil campiña, as súas cortes campestres para curtir e gardar o gando, o famoso Penedo da Galiña cos seus sete pitiños de ouro.

Castelao é digno de coñecelo, visitalo e estudalo. Son incribles as fábulas, os encantos ou encantamentos que abundan nises dous lugares, nos Castelos e sobre todo en Castelao, con minas e covas naturais que seguro quizais sorprenderían a algús entendidos en temas históricos, minería e máis que nada na arqueoloxía do lugar.

III. AS LENDAS DAS NOSAS AVOAS

Entre Castelao e os Castelos seica había un castelo propiedade dun señor feudal que moraba e tiña a súa sede no lugar ou paraxe do Pacio, en Ramuín, parroquia hoxe de Viñoás, chamado Don Alonso Fernández de Ramuín, o cal levou o sobrenome da antiga, orixinal e primeira poboación nas beiras do río Miño e próximo Sil, e tamén por suposto, a orixe do primeiro foro Concillium, que co tempo foi a sede do concello aberto, do antigo réxime.

Contaban as nosas avoas:

Que este fidalgo señor tiña unha filla moi fermosa e moi virtuosa. Ela todos os días saía do Pacio en Ramuín ata o castelo, pero sempre se entretiña ao chegar a aquelas covas e minas de Castelao, pois ela falaba con xentes que moraban por esas covas e nises lugares de encantamento próximos ao castelo. O motivo era que eses moradores dábanlle ouro, que ela levaba na súa abada ou mandil para darllo aos pobres que vivían nas posesiós do seu pai.

O pai estrañouse tanto de que a súa filla sempre íba de baleiro sen levar nada pero volvía con algo na súa abada, entón o pai mandou os seus gardas perseguila e pescudar que era o que a súa filla facía. Os gardas esperaron no camiño, déronlle o alto e preguntáronlle que era o que levaba na súa abada. Ela contestou aos gardas que no seu mandil levaba flores. Os gardas desconfiados mandáronlle abrir o mandil, pero o ouro que levaba automaticamente e por encantamento converteuse en flores. Así os gardas informaron o seu señor de que tan sólo eran flores e aquela fermosa e virtuosa moza puido seguir axudando os pobres do territorio da xurisdición das antigas terras de Ramuín.

Esta historia é unha historia real que nos contaban así as nosas avoas cando nos sentabamos a quentarnos no inverno a cear na lareira, ou cando estabamos a charlar no serán. Real era que esa historia nola contaban con moita tenrura e con sumo cariño. Era unha fermosa lenda, pero si que existen esas minas e esas covas entre Vertelo e Valdomar. Se alguén pensa que non é certo pode achegarse e comprobalo…

Como tamén poden visitar e comprobar en Ramuín no paraxe do Pacio aquil Pacio hoxe en ruínas e derrubado do tal señor feudal Don Alonso Fernández de Ramuín, e tamén a escasos metros ver a orixe destas terras de Ramuín, ver aquela primeira casa da asamblea, foro, cabildo, que se converteu no Concello Aberto, e máis tarde no concello de Ramuín. Que terminou sendo o concello de Nogueira de Ramuín. Motivado o traslado da sede política administrativa da ribeira en Ramuín pra a montañesa parroquia de San Martiño de Nogueira, e máis tarde á localidade tamén montañesa de Luintra.

Cómpre aclarar que no tempo e nestes trebellos no mosteiro de Ribas de Sil houbo dous incendios onde se destruíron documentos de toda a xurisdición territorial do mosteiro, que lle afectou tamén a Ramuín, e ao parecer nos traslados do concello tamén sucederon cousas moi estrañas sobre todo con pergamiños, folios e documentos históricos de tempos inmemoriais.

A pesar dises percances hoxe a aldea de Ramuín aínda e lí está na Ribeira e a parroquia montañesa de Nogueira sigue sendo de Ramuín, e todo o municipio leva o nome Nogueira de Ramuín.

A ORIXE — POR QUE O 12 DE OUTUBRO?

A advocación da Virxe do Pilar é a aparición mariana máis antiga da cristiandade recoñecida pola Igrexa. Segundo a tradición, no ano 40 d.C., o Apóstolo Santiago o Maior atopábase en Caesaraugusta —a actual Zaragoza— predicando o Evanxeo.

Santiago estaba fondamente desanimado porque a poboación local resistíase a converterse. Mentres rezaba na Ribeira do río Ebro, a Virxe María —que aínda vivía en Éfeso e se lle apareceu por bilocación— presentouse rodeada de anxos sobre un piar ou columna de xaspe. Deulle folgos pra continuar e pediulle que se construíse un templo nise mismo lugar, prometendo que o piar permanecería alí ata a fin dos tempos.

A BENEMÉRITA — A NOSA GARDIA CIVIL

A devoción nace en agosto de 1864, cando o primeiro capelán castrense do colexio de orfos de Valdemoro, Miguel Moreno Moreno, habilitou unha pequena capela e instalou nela unha imaxe da Virxe do Pilar cun propósito moi claro:

«Co tempo os gardas novos haberán de ser columna firme da patria, piar básico da orde. Para este fin nada mellor que imbuír niles o culto e amor filial á Virxe do Pilar».

Tan só un ano despois, en setembro de 1865, declárase oficialmente o padroado da Virxe sobre a Compañía de Gardas Novos.

Finalmente, o 8 de febreiro de 1913, o rei Afonso XIII asinou a Real Orde que proclamaba a Nosa Señora a Virxe do Pilar como Excelsa Patroa de todo o Instituto. Desde entón, cada 12 de outubro, a Garda Civil celebra a súa festividade maior en todos os seus cuarteis, data que coincide co Día da Festa Nacional e da Hispanidade.

EPÍLOGO — HOXE

E hoxe, 12 de outubro de 2026, séguese celebrando e honrando á Virxe do Mundín con misa e procesión, repican as campás, pero xa nada daquela romería queda. Aquel tempo pasou e non hai indicios nin interese de recuperar a tradicional e fermosa romaxe.

Hoxe todo son présas, todo é automóbil. Daquelas a romería comezaba xa nas lareiras, nas bodegas, no camiño, naquil ánimo e naquela ilusión de subir camiñando desde a ribeira á montaña para celebrar na pequena aldea pero grande día todos os 12 de outubro no Mundín.

Un percorrido pola historia e memoria da Romería do Mundín en Nogueira de Ramuín: tradicións, lendas e o camiño desde a ribeira á montaña.

ELEXÍA DOS RIBEIRÁOS QUE SUBÍAN Á MONTAÑA

En memoria daquiles que facían grande o Mundín cada 12 de outubro.

Xa non se escoitan os aturulos naquil camiño de Castelao,

nin resoan entre os carballos de Gurdías os berros dos avós.

Marcharon aquiles homes cos garrafós ao ombro,

aquelas mulleres cos cestos na cabeza, cheos de orgullo e amor.

Xa non se ven as calderetas cara a Valdomar,

nin se sente o medo dos nenos aos lobos do lugar.

As lareiras quedaron frías, sen o fume do cocido,

sen aquel licor café que facía esquecer o frío.

Os lameiros do Mundín xa non se enchen de manteles,

nin hai regueifas que saían do corazón da xente.

Os acordeóns de Elixio, de Gerardo e de Arturo

tocan agora silencios nun recordo escuro.

Xa non bailan os mozos coas mozas ao compás da muiñeira,

nin se bebe o viño novo agardando o San Martiño.

As botas, as cabazas, os garrafós de barro,

durmiron para sempre no fondo dun armario.

Pero quedan as pegadas naquil camiño empinado,

quedan as risas dos nenos que subían da maó,

queda a fe da Pilarica na súa ermida gardada,

e a memoria dos que fixeron a romería grande.

Non hai présas que borren o que o corazón garda,

nin coches que substitúan aquela ilusión.

Porque mentres haxa quen recorde, quen conte, quen cante,

o Mundín seguirá vivo en cada 12 de outubro reinante.

E cando a néboa baixe polas terras de Luintra,

e os fogos xa non estalen na mañá,

alguén dirá baixiño, cun nó na gorxa:

«Eu estuven e lí. Eu subín á montaña.»

Que a Virxe do Pilar do Mundín garde para sempre a memoria daquiles ribeiráos que, co seu esforzo, o seu viño e a súa alegría, fixeron da pequena aldea un lugar grande no corazón de todos.

Vídeo: José de Viñoás.

Texto de José Antonio Regueiro Docampo (José de Viñoás).

Hoxe, 12 de outubro de 2026, na pequena aldea, pero grande día da Pilarica no Mundín.

Botón volver arriba