Noticias

A Ruta Quetzal honra a Carmen Martín Gaite en Barbadás

A coñecida Ruta Quetzal fixo parada esta semana no concello de Barbadás para render homenaxe á escritora Carmen Martín Gaite, cunha actividade cultural que combinou literatura, mocidade e memoria.

Os 200 expedicionarios e expedicionarias da edición 2025 percorreron parte do Paseo Literario O Piñor de Carmen Martín Gaite.

A Ruta Quetzal honra a Carmen Martín Gaite en Barbadás

Durante o percorrido estiveron acompañados por monitores e polo director da Ruta, Íñigo de la Quadra-Salcedo, que mantén viva a iniciativa creada polo seu pai, Miguel de la Quadra-Salcedo.

Foto: Concello de Barbadás

O grupo foi recibido polo goberno local no Campo de Roma, onde gozaron dun pequeno descanso antes de iniciar a ruta. O docente e investigador David G. Couso exerceu de guía, achegándolles á vida e obra da autora e amosándolles algúns dos espazos máis significativos de San Lourenzo de Piñor. Este lugar deixou unha fonda pegada na traxectoria vital e literaria de Martín Gaite.

Durante o acto de benvida, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou o entusiasmo da mocidade e agradeceu a elección do municipio como etapa da Ruta Quetzal. “Encántannos a vosa enerxía e alegría. Demostrádelle ao mundo que a xuventude é o futuro do noso país” sinalou Valcárcel.

O percorrido rematou cunha cea no parque dos Carrís e o grupo pernoctou no Polideportivo Municipal. Íñigo de la Quadra-Salcedo agradeceu a colaboración do Concello cunha placa conmemorativa que entregou ao alcalde. Tamén destacou o apoio e compromiso de Barbadás coa cultura e coa mocidade.

Que é a Ruta Quetzal?

A Ruta Quetzal é un programa de formación e aventura declarado de Interese Universal pola UNESCO. Fundado en 1979 polo explorador e xornalista Miguel de la Quadra-Salcedo, ten como obxectivo unir a mozos e mozas de diferentes países nunha expedición cultural e formativa. Durante varias semanas, os participantes percorren diferentes lugares de España e América Latina combinando actividades educativas, históricas, artísticas e deportivas.

A iniciativa busca fomentar valores como a convivencia, a cooperación internacional, o coñecemento da historia común e o respecto pola diversidade cultural. Co paso dos anos, a Ruta Quetzal converteuse nun referente no ámbito da educación non formal e da promoción da mocidade, con milleiros de expedicionarios formados en máis de corenta edicións.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.