O Salón do Automóbil de Expourense consolídase como o evento de referencia para os ourensáns á hora de adquirir un novo coche.
A 16ª edición da cita, que combinou o Salón do Vehículo Novo e o do Vehículo de Ocasión, pechou as súas portas esta tarde cun balance moi positivo: máis de 10.500 visitantes e 286 vehículos vendidos (122 novos e 164 de segunda man).
O Salón do Automóbil de Expourense supera os 10.000 visitantes
Os organizadores, Expourense e A.C.A.U.T.O., coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, destacaron a boa resposta tanto do público como dos concesionarios. Nesta edición foron 15 concesionarios os participantes, representando un total de 27 marcas. O evento reafirma así o seu papel clave para dinamizar o mercado automobilístico provincial.

Ademais, prevese que nas vindeiras semanas se formalicen novas operacións iniciadas durante a feira, o que incrementará as cifras finais de vendas. A esta suma engádense tamén os 112 vehículos vendidos na última edición do Car Outlet, celebrada o pasado mes de maio.
O Salón do Automóbil segue a ser unha cita esperada polos expositores e polos consumidores, que atopan nun mesmo espazo a meirande parte das opcións dispoñibles no mercado. Este dinamismo contribúe tamén a renovar o parque móbil da provincia, que con 17 anos de antigüidade media é o máis vello de España.
Como incentivo, a organización repetiu o sorteo dun bono desconto de 6.000 euros entre todas as persoas que mercaron un vehículo durante o salón. O sorteo celebrarase o martes 28 de outubro ás 12.00 horas na sede da Confederación Empresarial de Ourense, ante notario. A entrega do premio terá lugar o 4 de novembro no concesionario correspondente.
A próxima cita en Expourense será a 26ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se desenvolverá entre o 20 e o 23 de novembro.