O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, xunto a familiares das vítimas da represión franquista soterradas no cemiterio de San Breixo, presentará este luns, 22 de setembro, un escrito na Subdelegación do Goberno en Ourense para solicitar a declaración oficial de San Breixo como Lugar de Memoria ao abeiro da Lei 20/2022 de Memoria Democrática.
A petición coincide co aniversario dos fusilamentos dos sete asturianos asasinados en San Breixo, exhumados en 2022. Esta foi unha intervención pioneira que abriu o camiño para a investigación e a identificación das 90 vítimas soterradas no camposanto.
Celanova e as familias das vítimas reclaman que San Breixo sexa declarado Lugar de Memoria
Na actualidade, foron localizadas xa 18 familias, que achegan as súas sinaturas para apoiar a proposta.

O escrito chega tamén seis meses despois dos actos de inauguración do memorial “Os 90 de San Breixo”, celebrados o pasado marzo. En dito acto participaron autoridades locais, autonómicas e estatais, incluído o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, que comprometeu accións en favor da verdade, a xustiza e a reparación.
Entre 1938 e 1943, en San Breixo foron soterrados 87 presos políticos falecidos por enfermidade ou executados na Prisión Central de Celanova. Tamén foron soterradas vítimas de paseos como os irmáns Fuentes Canal e o guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira.
O Comité lembra que a declaración como Lugar de Memoria resulta urxente para garantir a protección do espazo e avanzar en futuras investigacións. Estas investigacións permitan identificar restos e informar ás familias, moitas das cales aínda descoñecen que os seus seres queridos repousan alí.
A proposta conta, ademais, co respaldo social e institucional mostrado nos actos de marzo. En ditos actos participaron máis de medio cento de familiares chegados de diferentes comunidades autónomas e representantes de gobernos locais e autonómicos. Para o Comité, San Breixo constitúe un espazo de memoria amplamente documentado e de enorme valor simbólico, polo que pide ao Estado que recoñeza de maneira oficial a súa relevancia histórica.