O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, salientou este martes o esforzo da Policía Nacional para garantir a seguridade nos barrios de A Ponte, O Pino e O Vinteún, durante unha reunión coas asociacións veciñais.
Este encontro celebrouse na sede da Subdelegación do Goberno en Ourense.
O Goberno destaca a seguridade cidadá en A Ponte, O Pino e O Vinteún
A reunión contou coa presenza de representantes das asociacións de veciños de A Ponte, Santa Ana do Pino, Tras Estación, Covadonga, Santa Teresita, Rúa Vinteún e Catro Camiños-Peliquín.
Todos eles trasladaron as súas demandas en materia de seguridade cidadá e agradeceron o labor da Policía Nacional nos seus barrios.
A esta reunión tamén asistiron responsables policiais. O comisario xefe da Unidade de Coordinación Operativa Provincial, Alberto Vidal; o inspector xefe da Brigada de Seguridade Cidadá, Pablo José Álvarez, e o inspector de participación cidadá, José Antonio Armero.
Eladio Santos destacou que Ourense segue a ser “unha das cidades máis seguras de España” se se compara con outras do seu tamaño. “Aínda que os datos sexan bos, non nos conformamos”, asegurou o subdelegado. Santos subliñou que “o compromiso desta Subdelegación do Goberno para garantir a seguridade cidadá é unha prioridade absoluta”.
Santos fixo un chamamento á cidadanía a confiar nos datos oficiais e a acudir ás Administracións públicas para informarse. “Desconfíen de chats sen control nin rigor que xa temos comprobado que albergan embustes, manipulacións e mentiras”, advertiu.
Durante a xuntanza, os representantes veciñais puxeron sobre a mesa a preocupación pola presenza de persoas sen fogar e toxicómanos no barrio de A Ponte.

Sobre este punto, Santos indicou que se trata dunha competencia doutras administracións e pediu a súa implicación para ofrecer unha resposta social adecuada.