Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro, que se celebra cada 23 de abril, o Concello de Barbadás organiza unha intensa semana de actividades culturais centradas na literatura.
Do 21 ao 27 de abril, contacontos, obradoiros e teatro serán protagonistas dunha axenda pensada para todos os públicos.
Barbadás celebra o Día do Libro cunha semana literaria
A programación arranca o día 21 cun contacontos na Biblioteca Municipal ás 10:30 h. O día 22 a narración oral trasládase a dúas librarías locais: Espa, ás 18:30 h, e Valenzá, ás 19:15 h.

O propio Día do Libro, 23 de abril, será especialmente activo. Pola mañá, o alumnado da Escola Infantil participará en xogos literarios na Biblioteca Municipal ás 10:30 h. Pola tarde, tres novas sesións de contacontos terán lugar nas librarías Moraima (18:30 h) e Carlin (19:15 h).
O día 24, a Biblioteca Municipal acollerá ás 17:30 h un obradoiro de collage inspirado na figura da escritora Carmen Martín Gaite, dirixido a estimular a creatividade a través da obra desta autora.
A clausura da programación terá lugar o 26 de abril cunha proposta escénica: a representación da obra Castelao. Un corazón á intemperie, da compañía Fantoches Baj. A cita será ás 20:00 horas na Casa da Cultura Manuel María.

Barbadás súmase así á celebración mundial do libro cunha aposta pola promoción da lectura e o apoio ao comercio cultural local, reforzando o papel das librarías e bibliotecas como espazos de encontro e aprendizaxe.