O Grupo Municipal Socialista trasladou previamente á Xunta de Área de Urbanismo as queixas dos veciños e veciñas sobre o estado do firme da rúa Peña Trevinca, advertindo dun posible risco de afundimento.
A voceira do grupo, Natalia González, achegou unha fotografía recente que evidenciaba a gravidade da situación antes de que se producise a caída do firme.
O PSOE avisou do risco en Peña Trevinca antes do afundimento
A resposta do concelleiro de Urbanismo, Fran Lorenzo, negou calquera risco, asegurando que o Concello estaba realizando un simple “repise” desde esa mañá.

Con todo, ao longo do día comprobouse que a actuación municipal era moito máis profunda do que se pretendía facer crer, confirmando que existía un risco real de afundimento no firme da rúa.
Desde o Grupo Municipal Socialista criticaron a falta de rigor e previsión do goberno municipal ante un problema de seguridade viaria que afectaba directamente á veciñanza.
Ademais, na mesma rúa, no entorno do colexio Irmáns Villar, o grupo preguntou polas actuacións da Xunta de Galicia, denunciando eliminación de árbores, asfaltado de alcorques e riscos para os peóns, especialmente no paso provisional xunto ao centro educativo. O Concello derivou toda a responsabilidade á Xunta, sen presentar informes escritos, limitándose a comunicacións verbais dos técnicos municipais aos operarios da obra.
O Grupo Municipal Socialista denuncia a inacción do goberno municipal e a falta de responsabilidade nunha zona sensible e asegura que seguirá vixiando e trasladando a voz da veciñanza ás institucións para garantir a seguridade e o mantemento adecuado do espazo público.

