Desde os grupos da oposición solicitan a dimisión do concelleiro de urbanismo, Francisco Lorenzo, tras coñecer a información sobre o accidente no que estivo involucrado.
Os feitos polos que tamén se solicita unha explicación ó alcalde de Ourense sucederon o 18 de xullo na rotonda situada ó carón do IES Blanco Amor.
Solicitan a dimisión do concelleiro de urbanismo
«Reclamamos explicacións públicas a Jácome e ao seu concelleiro. E, de confirmarse o sucedido, entendemos que o único camiño é o de formalizar a súa dimisión inmediata e pedir desculpas ante a gravidade dos feitos e a súa condición de cargo público na Administración local» sinala Natalia González, voceira do PSdeG-PSOE.
Luís Seara, Voceiro do BNG no concello de Ourense destaca que ó coñecer o contido do atestado policial «faise imposible a súa continuidade na Corporación municipal». Ante esta situación, Seara solicita unha «dimisión ou cese inmediato».
Tamén solicitan a dimisión do concelleiro de Seguridade Cidadá
Lembra Seara que «de xeito reiterado temos pedido información ao Concelleiro de Seguridade Cidadá sobre o acontecido. Máis recentemente sobre cales eran as conclusións do atestado e o único que se nos deron foron escusas e evasivas». Ante esta situación, piden tamén a dimisión do concelleiro de Seguridade por «ter ocultado os feitos sendo coñecedor dos mesmos».
«Os axentes actuantes conclúen que conducía baixo os efectos do alcol e con manifesto desprezo á vida dos demais» sinala Seara. Ante a gravidade desta situación «é absolutamente inxustificable e non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis polo que ou ben presenta a súa dimisión ou o Alcalde está obrigado a cesalo de inmediato».
Natalia González pensa que a dimisión de Francisco Lorenzo «trátase dunha cuestión de coherencia, ética e responsabilidade».