Os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense solicitan unha solución urxente para a situación que presentan as termas en Ourense.
Mediante unha moción presentada polo grupo socialista no concello de Ourense, solicitan medidas urxentes para reactivar o termalismo en Ourense.
Solicitan unha solución urxente para as termas en Ourense
En primeiro lugar, o grupo socialista considera que é urxente a reapertura das termas. Gran parte das instalacións termais en Ourense permanecen pechadas por non adaptarse á nova lei de aproveitamento lúdico das augas termais que aprobou a Xunta de Galicia.
Ademais de por en funcionamento todas as instalacións, o grupo socialista tamén pide unha revisión dos horarios de funcionamento das termas. «Non ten sentido que as termas se pechen ás nove da noite, cando é o momento de maior afluencia nestes espazos», indica o concelleiro socialista Javier Rey.
“Dende hai sete anos o termalismo en Ourense vive unha auténtica involución. Non temos novos proxectos e o que hai, vai cara atrás. O PP e DO abandonaron e desmantelaron o termalismo nesta cidade”.
A apertura das instalacións termais tamén permitiría aproveitar o incremento de visitantes que chegan a Ourense. O Xacobeo e o AVE están a provocar un aumento significativo no número de turistas que se achegan á cidade de Ourense e atopan as termas pechadas.
A actualización do Plan Estratéxico Termal, o Plan de acción no destino turístico Ourense e o Consello Municipal de Turismo tamén aparecen na moción como ferramentas fundamentais do futuro termal de Ourense.