Noticias

Sportur Galicia converte Expourense nunha festa do deporte inclusivo

Os Xogos Deportivos de Sportur Galicia arrancaron este mércores en Expourense coa inclusión como eixo principal, reunindo a deportistas con e sen diversidade funcional ata o sábado 24 de maio.

A cita, que se prolongará ata o sábado 24 de maio ás 20:00 horas, ofrece exhibicións, torneos e clases abertas promovidas por máis de vinte federacións e clubes deportivos de toda Galicia.

Sportur Galicia converte Expourense nunha festa do deporte inclusivo

Expourense acolle desde hoxe os Xogos Deportivos de Sportur Galicia, un evento que transforma o recinto feiral nun espazo de convivencia, superación e integración a través do deporte.

Baixo o lema “Deporte para todos”, esta edición aposta decididamente pola inclusión, visibilizando a práctica deportiva conxunta de persoas con e sen diversidade funcional. O obxectivo é dobre: fomentar a práctica do deporte entre todos os públicos, independentemente da súa idade ou condición física, e ofrecer unha plataforma de promoción para as entidades deportivas galegas.

O acto inaugural contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo Souto, quen salientou o papel do deporte como ferramenta de integración e destacou que “Galicia é un referente en deporte adaptado, como amosan os resultados nos últimos Xogos Paralímpicos de París, onde 8 de cada 10 deportistas galegos clasificáronse entre os 8 mellores do mundo nas súas disciplinas”.

Calvo estivo acompañado por autoridades como o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o deputado provincial Jorge Pumar; e o tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira. Todos coincidiron en poñer en valor Sportur como motor de cambio social e económico, e exemplo da excelencia, esforzo e resiliencia do deporte galego.

Sportur Galicia converte Expourense nunha festa do deporte inclusivo
Foto: Expourense

Sportur Galicia 2025

Durante tres días, os asistentes poderán coñecer e practicar disciplinas tan diversas como atletismo, bádminton, balonmán, ciclismo, esgrima, fútbol, piragüismo, taekwondo, xadrez ou wushu, entre outras. Tamén se disputarán varias “Copas Deputación” o sábado, como as de balonmán, roller cross e voleibol.

Entre os participantes destaca a presenza de escolares de centros educativos da provincia e de entidades como Down Ourense, Asociación Dano Cerebral, Fundación San Rosendo ou Trascos. Autismo Galicia, que aproveitan esta oportunidade para fomentar a inclusión desde idades temperás.

Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense. A entrada é gratuíta e o horario da feira mantense de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.