Noticias

Sportur Galicia converte Expourense nun escaparate do deporte inclusivo

Expourense transformarase esta semana nunha gran cancha polideportiva coa celebración de Sportur Galicia, o VIII Salón do Deporte e Turismo Activo, que terá lugar do 22 ao 24 de maio.

Esta edición especial estará centrada nos Xogos Deportivos inclusivos, co lema “deporte para todos”, promovendo a participación de persoas con diversidade funcional e de colectivos sociais diversos.

Sportur Galicia converte Expourense nun escaparate do deporte inclusivo

A feira celebrarase do 22 ao 24 de maio con exhibicións, torneos e actividades abertas para todos os públicos.

Durante tres días, federacións, clubes e asociacións deportivas compartirán espazo con entidades sociais que traballan pola inclusión, ofrecendo ao público exhibicións, adestramentos e clases abertas. O obxectivo é achegar o deporte a toda a cidadanía, independentemente da idade ou condición física. Tamén se pretende converter a feira nun punto de encontro entre o deporte federado e os colectivos sociais.

A presentación oficial celebrouse esta mañá en Expourense coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; o tenente alcalde de Ourense, Aníbal Pereira, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Xunto a eles estiveron representantes dalgunhas das federacións e clubes participantes.

Sportur Galicia converte Expourense nun escaparate do deporte inclusivo
Foto: Expourense

A estrutura de Sportur Galicia divide o evento en dúas partes:

  • este mes de maio está dedicado á actividade deportiva e práctica,
  • O VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte e a área expositiva vencellada ao turismo activo terá lugar os días 11 e 12 de decembro.

A feira está pensada para deportistas, familias e persoas interesadas en iniciarse na práctica deportiva. Entre os eventos máis destacados, desputaranse varias “Copa Deputación”, que darán visibilidade ao deporte de base.

Deportes e entidades presentes

O público poderá desfrutar dunha vintena de disciplinas: atletismo, bádminton, balonmán, ciclismo, esgrima clásica, fitness, fútbol, hockey, karate, pickleball, piragüismo, remo indoor, roller cross, taekwondo, tai-chi, tenis, voleibol, wushu, xadrez e ximnasia.

Un dos sinais de identidade desta edición será a participación de escolares de toda a provincia de Ourense, así como de entidades como:

  • Asociación Dano Cerebral Ourense,
  • Discapacidade Ourense,
  • Club Recreativo As Burgas,
  • Esclerose Múltiple Ourense,
  • Fundación San Rosendo,
  • Trascos (Autismo Galicia),
  • Down Ourense,
  • Asociación Trama,
  • Fundación Intercultural Gitana e o
  • Centro de Menores Monteledo.

A entrada é gratuíta e o horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas durante os tres días de feira.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.