A receita deportiva, que sinala que por cada euro investido en actividade física pódense aforrar ata cinco en gasto sanitario, foi o eixe da segunda xornada do VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte – Sportur Galicia, que concluíu hoxe en Expourense.
Esta cita contu cunha vintena de relatores e arredor de 400 asistentes, tanto presenciais como en liña.
Sportur Galicia pecha en Expourense centrado na receita deportiva
Esta iniciativa foi explicada por José Luis Herreros, presidente do Colexio de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e o Deporte da Comunidade Valenciana, quen detallou a experiencia desenvolvida no concello de Mislata.

Alí xa funciona este programa, que permite aos médicos de Atención Primaria prescribir actividade física a pacientes con determinadas patoloxías, derivándoos a profesionais do deporte que elaboran plans personalizados. O obxectivo é empregar o deporte como ferramenta terapéutica, complementaria á medicación, mediante a coordinación entre centros de saúde e instalacións deportivas.
Na mesma mesa participou o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, quen explicou os pasos para adherirse ao programa autonómico “Adestra a túa saúde”, actualmente en proceso de implantación en Galicia. Polo momento, conta con 23 concellos adheridos, unha cifra que, segundo avanzou, se incrementará nos vindeiros meses. Tamén interveu Isabel Rodríguez, en representación do Concello de Abegondo, o primeiro de Galicia en sumarse a esta iniciativa.
Tesgalicia
Como actividade complementaria, TESGALICIA impartiu un obradoiro teórico-práctico sobre primeiros auxilios no deporte e no turismo activo, reforzando o carácter formativo do congreso.
Co peche deste encontro profesional conclúe tamén a oitava edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo. A cita combinou unha parte práctica celebrada no mes de maio, cos Xogos Deportivos Inclusivos, e a parte profesional desenvolvida en decembro. En conxunto, ambos eventos sumaron cinco días de actividade e congregaron 4.400 visitantes activos.
Esta edición supón a última cita do calendario feiral de Expourense en 2025. Durante estes días celebráronse tamén dúas xornadas do programa “Xogade” na pista de atletismo de Ourense, nas que participaron 900 escolares de Primaria e Secundaria da cidade e da contorna. A próxima gran cita deportiva no recinto será o Campionato de España de Atletismo Clubs Sub-20 Short Track, previsto para o sábado 20 de decembro.

