Eventos

O XII Tangaraño Cultural celebra o rural como espazo vivo e creativo

A cultura inqueda fai parada en Sobradelo: o XII Tangaraño Cultural celebra o rural como espazo vivo e creativo.

Promover a cultura no rural é apostar pola vida.

O Tangaraño Cultural celebra a súa XII edición en Sobradelo

En tempos nos que o despoboamento e a falta de servizos seguen a marcar o día a día de moitas localidades galegas, iniciativas como o Tangaraño Cultural demostran que o territorio tamén pode ser un espazo de encontro, creación e dinamismo social. Esta visión cobra forma cada ano na parroquia de Sobradelo, no concello de Xunqueira de Ambía. Alí, a Asociación Cultural Tangaraño organiza unha xornada de celebración e reivindicación cultural.

Programa do XII Tangaraño Cultural

O sábado, 31 de maio, Sobradelo acollerá a décimo segunda edición do Tangaraño Cultural. Esta cita mantén o seu espírito de festa aberta, diversa e de balde. A programación, marcada pola música, o humor, a gastronomía e as actividades para crianzas, quere achegar propostas culturais actuais sen renunciar á identidade e á memoria do lugar. Detrás deste proxecto está o traballo da escritora Rochi Novoa, principal responsable da organización do evento, e unha activa promotora do rural como espazo de cultura viva.

A partir das 12:00 do mediodía, o festival comezará coa Voz das Mouras e a súa música tradicional, seguidas da electropoesía de Luix Kaf. Ás 13:30 celebrarase unha cata gratuíta con petiscos de produtos do mar, ofrecida pola Xunta de Galicia e o Xantar Popular. Xa pola tarde, comezará unha maratón de actuacións que inclúe nomes como Servando Barreiro, Baba Sall co seu reggae senegalés, Os Taravelos, Cana Verde ou Roberto Sobrado Band. O humor tamén terá espazo da man de Anxo Guerra, monologuista da TVG, e o día pecharase cunha jam session e festa rachada á medianoite.

O XII Tangaraño Cultural celebra o rural como espazo vivo e creativo

O Tangaraño aposta tamén polo público infantil con xogos populares durante todo o día e un obradoiro de enredos para as crianzas. A maiores, haberá zona de acampada, mercado e comida vegana, sempre con prezos populares, facendo da inclusión e a accesibilidade sinais de identidade do festival.

Este evento é posible grazas á implicación da AC Tangaraño Cultural e á colaboración do Concello de Xunqueira de Ambía. Ambas entidades apoian un proxecto que ano tras ano enche Sobradelo de música, xente e futuro.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.