Sobradelo, a pequena aldea do Concello de Xunqueira de Ambía, converterase este sábado 31 de maio nun fervedoiro de cultura, emoción e solidariedade coa celebración do XII Tangaraño Cultural, un evento que xa forma parte da identidade do rural galego.
Sobradelo acolle este sábado a XII edición dun encontro único de arte e poesía.
O Tangaraño Cultural volve prender luz e cor no rural
Este encontro, que resiste ano tras ano a pesar das dificultades, transforma esta aldea de apenas vinte veciños nun escenario de creación e amizade.
Música, poesía, fotografía, artesanía e moitas outras expresións artísticas danse a man entre hortas e lareiras. Estas propostas fan do Tangaraño algo máis ca un festival: unha verdadeira festa da comunidade.
Un dos puntos fortes desta edición será o mercado de artesanía local, onde os visitantes poderán descubrir produtos únicos e auténticos, elaborados con mans expertas que coñecen o valor do tempo e da tradición.
O compromiso do Concello de Xunqueira de Ambía, co seu alcalde José Luis Gavilanes á fronte, foi clave para que o Tangaraño siga florecendo ano tras ano. A súa presenza persoal en Sobradelo durante o evento subliña a importancia da colaboración institucional para manter viva a cultura no rural.

A complicidade dos concellos veciños de Baños de Molgas e Vilar de Barrio tamén resulta esencial. Estes municipios cederán espazos nas súas localidades para acoller parte das actividades do Tangaraño, expandindo a semente cultural por toda a comarca.