O Concello de Ourense manterá en 2026 os prezos bonificados do autobús urbano con Tarxeta Milenio, segundo aprobou a Xunta de Goberno Local na súa sesión ordinaria desta semana.
As novas tarifas estarán vixentes do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026 e inclúen descontos para estudantes, persoas usuarias da tarxeta ordinaria e gratuidade para a poboación infantil.
Ourense mantén tarifas bonificadas do bus urbano en 2026
Segundo o acordo municipal, o prezo por viaxe para estudantes con Tarxeta Milenio será de 0,21 euros, o que supón unha bonificación do 51,16% respecto da tarifa xeral. Pola súa banda, as persoas titulares da Tarxeta Milenio ordinaria abonarán 0,49 euros por viaxe, cun desconto do 20,96%.

O Concello precisa que o resto de abonos e títulos multiviaxe non se inclúen nesta medida, ao estar xa bonificados ao 100% pola Ordenanza Fiscal actualmente en vigor.
Ademais, o acordo recolle que as viaxes serán gratuítas para a poboación infantil ata os 14 anos durante todo o ano 2026. Poderán beneficiarse desta bonificación total os nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2026, sendo obrigatorio presentar o DNI para acreditar a idade e acceder á gratuidade.
Os descontos aprobados están financiados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Neste senso, a Xunta de Goberno autorizou á Alcaldía a solicitar formalmente as axudas directas ao transporte terrestre, recollidas no Real Decreto-lei 17/2025, do 23 de decembro, que impulsa o uso do transporte público mediante a bonificación de abonos.
Finalmente, o Concello de Ourense comunicará este acordo á empresa concesionaria, Autobuses Urbanos de Ourense S.L., para que aplique os novos prezos de forma inmediata a partir do 1 de xaneiro de 2026.

