O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou hoxe unha das instalacións da comunidade enerxética San Mamede de Puga en Toén.
Alí reafirmou o compromiso do Executivo estatal coas enerxías renovables. “A transición ecolóxica é unha obriga que beneficia a toda a sociedade”, destacou, nun acto no que tamén participou o alcalde Ricardo González.
Toén impulsa a transición ecolóxica cun proxecto pioneiro de enerxía solar
Durante o encontro coa veciñanza e coa comunidade de montes veciñais de A Fenteira, Santos felicitou aos promotores polo seu proxecto de autoconsumo sustentable. Este proxecto está financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Subliñou que esta iniciativa “demostra que a transición ecolóxica xa está en marcha, impulsa o desenvolvemento local e frea o despoboamento, á vez que protexe o medio ambiente”.

O proxecto, denominado Fomento do autoconsumo intelixente, recibiu en decembro de 2023 unha achega de 97.139,77 euros dentro do programa de apoio a comunidades enerxéticas pioneiras. Un total de 47 socios e socias participan nesta iniciativa que promove o aforro nas facturas, a autonomía enerxética e un futuro máis limpo.
A instalación conta cunha potencia total de 119,185 kWp, distribuída en tres puntos. O local social de Celeirón (7,26 kWp), o local social de A Eirexa (12,10 kWp) e o campo de fútbol de Puga (99,825 kWp). Tamén se dotaron de sistemas intelixentes de medición e xestión da demanda, que permiten optimizar o consumo e reducir a dependencia da rede eléctrica.
Santos aproveitou a visita para animar a outras administracións a seguir o exemplo de Toén. “O Goberno de España continuará apoiando iniciativas como esta, porque apostar polas renovables é apostar pola economía, polo territorio e polo benestar das xeracións futuras”, concluíu.