Ourense recupera unha das súas citas deportivas de Nadal máis emblemáticas coa celebración da 34ª edición do Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás 2026, que se desenvolverá entre o 27 de decembro e o 5 de xaneiro no barrio de Barrocás.
O Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás 2026 foi presentado esta mañá no Pavillón dos Remedios.
Ourense recupera o Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás 2026
Trátase do Memorial Manuel Villar, unha competición que coorganizan o Concello de Ourense e a Asociación Veciñal Barrocás, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, Deporte Galego, Xadrez Ourensán Universitario, GLS, Caldaria, Abril e o Club Deportivo Xadrez Ourense.

O certame disputarase no local da Asociación Veciñal de Barrocás e está aberto a xadrecistas de todas as idades. Haberá categorías desde Sub-8 ata Sub-18, ademais da categoría Absoluta.
Na presentación participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o presidente da asociación veciñal, Xesús Álvarez, e o secretario, Javier Lamas. Desde a organización subliñaron a relevancia de recuperar este torneo para a cidade tras celebrarse a súa última edición no ano 2018. O obxectivo é superar os 150 participantes, cun total de 32 trofeos en xogo, e devolver o Aninovo de Barrocás ao lugar de referencia que historicamente ocupou no calendario deportivo ourensán.
A programación arrincará o 27 de decembro ás 10.00 horas coa categoría Sub-8. Ese mesmo día, ás 15.30 horas, disputarase o torneo Sub-10, mentres que ás 20.00 horas comezarán as categorías Sub-14, Sub-16, Sub-18 e Absoluta, que se prolongarán ata o 5 de xaneiro. O domingo 28 de decembro será a quenda do torneo Sub-12.
Desde o punto de vista técnico, os torneos Sub-14, Sub-16, Sub-18 e Absoluto serán valedeiros para ELO internacional. Ademais dos premios e trofeos correspondentes a cada categoría, realizaranse sorteos de agasallos achegados polos colaboradores. Entre eles, destaca como premio especial un adestramento cun Gran Mestre de xadrez.

