O Concello de Castro Caldelas vén de anunciar a súa programación cultural e festiva para o Verán 2025, unha ampla oferta de actividades pensada para todos os públicos que se desenvolverá entre os meses de xullo e setembro.
Todas as propostas son gratuítas e estarán repartidas por distintos espazos emblemáticos da vila, como o castelo, a Praza do Prado ou a Área Recreativa Ponte das Táboas.
Castro Caldelas presenta a súa programación para o Verán 2025
Feiras, música, cine, festas populares e actividades infantís completan a axenda estival.
A programación comeza o 18 de xullo coa tradicional feira, á que lle seguirán eventos como a presentación do libro «O último maqui» (24 de xullo) e un concerto de habaneiras no castelo (27 de xullo). O 20 de xullo haberá unha cita gastronómica coa presenza dun foodtruck de produtos do mar na Praza do Prado.
En agosto destacan a Feira do Gando (día 2 no Toural), a Romaría das Neves (día 5) e o concerto de Antonio Barros o día 8, tamén no castelo. A programación inclúe actividades para todas as idades: o 12 de agosto celebrarase unha masterclass de zumba, o 16 haberá cine ao aire libre coa proxección da comedia «Padre no hay más que uno 4», e o 29 de agosto será a quenda da festa infantil na Área Recreativa Ponte das Táboas.
As festas populares tamén terán gran protagonismo coas celebracións en Aguil, Santa Tecla, O Burgo e Vilarellos, ademais das Xornadas de Folclore (17 de agosto) e o Folión Pequeno o día 30. O día 24 organizaranse xogos pola vila e no castelo con degustación incluída.
Como actividade fixa durante os meses de xullo e agosto, todos os luns e mércores ás 17:00 h. haberá sesións de Bio Danza na Área Recreativa Ponte das Táboas.
A programación péchase en setembro coa inauguración da estatua de Vicente Risco na Rúa Grande o día 5, e coa celebración das Festas dos Remedios entre o 6 e o 10 de setembro.

Desde o Concello lembran que faltan por pechar algunhas actividades e horarios, que se irán anunciando nos vindeiros días.