O Himno Galego protagoniza esta semana en Allariz un acto promovido por Vía Galega e a Federación Galiza Cultura.
Este acto permitirá conmemorar os 118 anos da súa estrea, que tivo lugar o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da Habana.
Vía Galega e Galiza Cultura celebran o Himno Galego en Allariz
A iniciativa enmárcase no programa Cantar a nación, unha serie de actos que ambas entidades organizan en diferentes puntos de Galiza arredor desta efeméride, co obxectivo de poñer en valor o himno como símbolo nacional e reclamar a restauración da súa letra conforme ao texto orixinal de Eduardo Pondal.

No caso da provincia de Ourense, o acto celebrarase o martes 17 de decembro, ás 19.00 horas, no Fogar dos Maiores de Allariz. Este acto contará coa participación das corais do Grupo Xoldra. Durante o encontro darase lectura a un manifesto elaborado especificamente para a data e o peche será coa interpretación do Himno Galego completo.
Desde Vía Galega e Galiza Cultura explican que esta actividade forma parte dunha liña de traballo continuada para difundir os símbolos nacionais, como o himno e a bandeira, fronte ao que consideran un proceso de acelerada españolización. Segundo sinalan, o principal obxectivo destes actos é socializar a letra fidedigna do himno galego entre a cidadanía.
Lei de Símbolos e Iniciativa Lexíslativa Popular
As dúas entidades consideran inadmisíbel que, 40 anos despois da aprobación da Lei de Símbolos de Galiza, siga sen restituírse oficialmente a versión correcta do himno. Lembran que xa hai 33 anos que o profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro acreditou as alteracións e erros introducidos ao longo do tempo, alleos ao texto orixinal e á vontade de Pondal.
Lembran tamén que, malia as iniciativas presentadas desde 1996 por Pilar García Negro en representación do BNG no Parlamento galego, non se produciron avances. En 2023, Vía Galega e Galiza Cultura impulsaron unha Iniciativa Lexislativa Popular, que reuniu case 16.000 sinaturas. Esta iniciativa foi rexeitada cos votos do PP e do PSOE, contando unicamente co apoio do BNG. A creación dunha comisión parlamentaria acordada naquela altura continúa, segundo denuncian, paralizada polo PP.
Ambas entidades reiteran a súa demanda de que se poña fin a esta anomalía e se restitúa oficialmente o Himno Galego coa súa letra correcta. Así mesmo, instan á Xunta de Galiza a promover a súa difusión a través dos centros de ensino, asociacións culturais e corais, unha vez restaurado o texto oficial.
